Opinión

Lenta metamorfose

Dicía Lenin, “hai décadas nas que non pasa nada e semanas nas que suceden cambios de décadas”. Así é, o mundo líquido de Bauman está en ebulición, facendo equilibrios e bordeando o abismo. A boa noticia é que o abismo asusta a todos por igual, ninguén está interesado en caer nel (creo). E, a pesar da inconsciencia e negación da realidade do mundo occidental, tamén é certo que estamos na fase terminal dun deses ciclos históricos nos que, como sinalaba Giovanni Arrighi, as elites desprazan os seus capitais, armas e bagaxes a outras metrópoles máis dinámicas inaugurando dese xeito unha nova era. O que ocorre é que esta vez non só estamos asistindo a un cambio de ciclo dentro do sistema capitalista (houbo varios nos últimos 500 anos), é algo máis importante. 

O que vén é un cambio de paradigma, poscapitalista: económico-financeiro, cultural, político e social. Parte das vellas elites quizais, mutatis mutandis, cohabiten, se metamorfoseen ou fusionen cos novos reitores da área euroasiática, pero unha parte considerábel das oligarquías occidentais dificilmente teñen cabida na nova orde. Son incompatíbeis e antitéticas co nacente sistema cooperativo multilateral onde todos gañan (ese será o cambio fundamental fronte ao sistema occidental). As contradicións non desaparecerán, pero o sistema xeopolítico cooperativo situarase nun nivel superior de desenvolvemento. Porén, poida que as bases dese cambio se produzan en “semanas”, pero a consolidación da nova época (con reveses, convivencia de sistemas diferentes, disfuncións e erros inevitábeis) durará décadas. Parafraseando a Arrighi, será un longo século XXI.

Non se trata de bos e malos, só unha necesidade histórica inaprazábel. Como sucedeu nos ciclos de acumulación do sistema-mundo capitalista a contradición intrínseca constitúe o cerne dos cambios históricos. Por exemplo, pese a que a acumulación e concentración neoliberal está en máximos históricos —cun camiño ascendente, incluso nalgúns momentos case exponencial—, o peso relativo do sistema capitalista occidental no mundo está baixando á mesma velocidade con que se enriquecen as elites, reducíndose do 60% hai corenta anos ao 40% na actualidade, a favor do núcleo xeopolítico emerxente. Un dato demostrativo da decadencia irreversíbel do ciclo do capital-monopolista occidental que explicaría os grandes eventos dos últimos anos: Gran Depresión de 2008, Covid-19, Guerra do Leste, guerras neocoloniais en Oriente Próximo e África, etc.

O intelectual ruso Andrei Fursov engloba este proceso nun máis xeral que denomina “a fin do proxecto bíblico (cristián)” de Occidente. A globalización neoliberal foi o teito dun lento proceso de desmantelamento da economía de mercado clásica (capitalismo industrial) e dos valores da Ilustración en favor dunha ideoloxía neoxudaísta e dun sistema monopolista de capitalismo especulativo dirixido por un sector selecto das elites anglosaxoas. E ese proceso, ademais de demostrar o esgotamento económico e social do capitalismo financeiro liberal, significará tamén a fin da civilización occidental tal como a coñecemos. Haberá unha nova síntese. Adiante 2024.

Comentarios