Opinión

Latinoamérica vive e decide

Neste mes conmemórase o 50 aniversario do golpe contra Salvador Allende. Emociona escoitar o seu último discurso, coas palabras entrecortadas pola magnitude do crime que se estaba perpetrando contra a democracia e o pobo chilenos. Un discurso de compromiso heroico ("pagaré con mi vida la lealtad del pueblo") e de esperanza histórica ("no se detienen los procesos sociales ni con el crimen, ni con la fuerza [...] más temprano que tarde, se abrirán las grandes alamedas por donde pase el hombre libre").

O tempo deulle a razón, ningunha acción imperialista pode coutar a vontade dos pobos eternamente e o sacrificio exemplar de Allende será longamente recordado polas mulleres e homes libres de todo o planeta. A memoria dos crimes da historia pasada é esencial para enfrontar a amnesia cultural do establishment e armar as xeracións futuras. Indispensábel, tanto fronte aos crimes do imperialismo global como dos uniformes putrefactos de Pinochet e da camarilla de vende-patrias de todas as latitudes.

Afortunadamente, como corresponde a un continente prometeico, de pobos dignos e valentes, Latinoamérica é unha fonte inesgotábel de exemplos vitais e paradigmas revolucionarios. De intelectuais, escritores e artistas comprometidos co seu tempo e co seu país, un espello para o resto do mundo: Víctor Jara, García Márquez, Galeano, Silvio, Pablo, Parra, Sosa e tantos outros e outras. De dirixentes revolucionarios anticoloniais como Bolívar, San Martín e Martí, continuando con Sandino, Che Guevara, Allende e Fidel ata, Chaves, Correa, Morales, Lula e centos de dirixentes brillantes e millóns de cidadáns e activistas anónimos.

Un paradigma da loita pola emancipación nacional, a pesar do poder inconmensurábel do gran veciño do norte. Os enormes avances na toma de conciencia, na maioría dos países do continente, sobre a necesidade irrenunciábel de desprenderse do control neocolonial de Estados Unidos constitúe un verdadeiro logro histórico.

Neste contexto, o último cumio do G77, celebrado hai uns días en La Habana, constitúe a demostración palpábel do camiño liberador escollido polo continente latinoamericano xunto coa maioría dos países do Sur Global. Como proba, os 134 países signatarios adoptaron unha declaración final "rexeitando os monopolios tecnolóxicos e as medidas coercitivas unilaterais polas enormes repercusións negativas para os dereitos humanos, incluídos o dereito ao desenvolvemento e á alimentación".

Tamén esixiron "a reforma integral da arquitectura financeira internacional e unhas relacións mundiais baseadas na cooperación entre países". Rexeitaron de forma explícita "as leis extraterritoriais e as medidas económicas coercitivas, incluídas as sancións unilaterais" esixindo a súa eliminación inmediata.

Lula denunciou que a ONU, a OMC e o sistema de Bretton Woods están perdendo credibilidade. E a valente presidenta de Honduras, Xiomara Castro, lanzou unha pregunta chave: "De que serven a ONU, o BM e nós mesmos se non somos quen de eliminar o neocolonialismo, a hexemonía do capital sobre o ser humano e as guerras promovidas polo complexo militar-industrial?" Nada máis que engadir.

Comentarios