Opinión

Espiral de cambios

O mundo está cambiando, no medio dunha crise de identidade xeopolítica que debería resolverse da única maneira posíbel: transformando un modelo (o neoliberal) que só agrava as contradicións e cuxa filosofía de vida consiste en fuxir cara adiante, alargando a agonía do sistema. Pero, como diría Gramsci, a crise consiste precisamente en que o mundo vello está morrendo, pero o novo aínda non pode existir como algo definitivo.

Unha etapa de perigos e oportunidades, como ocorreu noutras épocas históricas, coa peculiaridade de que, esta vez, non hai posibilidade de marcha atrás. O que está en xogo é o futuro da humanidade e o das elites do 1%. Un xogo de suma cero, ou gaña unha ou as outras.

En palabras de Michael Hudson, hai un montón de países da “xungla” que queren romper o monopolio paradisíaco do “xardín” occidental. O último cumio dos Brics++ foi un exemplo, e iso só é o comezo dun proceso imparábel. Detrás do empuxe do mundo emerxente —a maioría mundial, con largueza— non só está o atractivo da economía chinesa ou o exemplo da independencia económica e potencia militar rusa. Trátase, simplemente, de que non queren un futuro supeditado a un sistema neocolonial que os desangra e despreza.

E iso implica, definitivamente, romper a tiranía da débeda impagábel e as regras abusivas do FMI ou do BM, ademais de cambiar a estrutura de poder da ONU. Non só se trata de economía, senón da necesidade de construír unha política de relacións internacionais alternativa, soberana e diversa, como sinala Hudson. Un reto que entraña moitas dificultades, pero inevitábel.

Precisamente o G77, presidido por Cuba (na actualidade formado por 134 países de África, América Central e do Sur e o sueste de Asia), tivo unha xuntanza con Xi Jinping en Johannesburgo para discutir unha axenda común de desenvolvemento sustentábel. É dicir, un proceso endóxeno e cooperativo onde as materias primas son transformadas no país de orixe e non en ningunha metrópole. Ninguén fala diso, pero trátase sen dúbida doutro cambio radical que hai que sumar a todos os movementos xeopolíticos do último mes.

Nesa lóxica, cada un á súa maneira, están a maioría dos países africanos. Nos últimos tres anos, sete países dese continente (Chad, Malí, Guinea, Sudán, Burkina Faso, Níxer e, nestes días, Gabón) proclamaron a súa desconformidade co antigo proxecto neocolonial, destituíndo os diferentes gobernos (proclives ás metrópoles). Máis alá de disputas neocoloniais entre EUA e Francia, é todo un síntoma.

O mesmo ocorre noutros continentes como América Latina. Países ricos en materias primas como Bolivia (candidato Brics) advirten contra medidas como as do ultra arxentino Milei de dolarizar a súa economía.

Os cambios tocan tamén países poderosos do sueste de Asia como Indonesia, que ocupa o 7º lugar en PIB PPA e un dos candidatos a formar parte dos Brics++. Nun desmentido a un recente comunicado ianqui, declarouse abertamente Non Aliñada e amiga de China e Rusia. Non de balde ese país foi un dos fundadores dos NOAL cando Sukarno era presidente. Os países emerxentes palpan os cambios que se aveciñan e non queren ficar atrás.

Comentarios