Opinión

A encrucillada histórica de Oriente Próximo

Unha das razóns da persistente traxedia palestina foi (e é en certa medida) a falta de unidade do mundo árabe-mulsumán. Occidente cultivou a ambivalencia e a división árabe incitando guerras como a irano-iraquí ou as de Libia e Siria, ademais de atraer ao seu campo, durante moito tempo, a países como Arabia Saudita ou as monarquías do Golfo. Pero esa situación –a alianza do petrodólar– entrou en franca descomposición este último ano coas novas relacións persa-saudís ou coa proximidade a Rusia e a China de países como Qatar, Emiratos ou Turquía. Máis significativas son as últimas decisións de Exipto e Xordania –aliados nos últimos decenios de EUA e con boas relacións con Israel–, agora moi críticos con este último país a raíz do xenocidio de Gaza e o seu proxecto de Gran Israel. Ata o punto de que o primeiro ministro xordano advertiu hai uns días que a expulsión dos palestinos de Gaza ou Cisxordania sería considerada polo seu país como unha "declaración de guerra". Se se consolidase esa posición, trataríase dun cambio cualitativo de alcance.

Independentemente das simpatías con Hamás dalgúns países da rexión, a rebelión do pasado 7 de outubro tivo a virtualidade de unilos, como nunca antes, en defensa de Palestina. A razón, o traballo de formiga nos últimos anos das diplomacias chinesa e rusa logrando, de forma paulatina e sen grandes alardes escénicos, un xiro xeopolítico nas alianzas de Oriente Próximo. O chamado Sur Global (ao que pertence a maioría desa rexión) madurou de forma notábel e decatouse de que os seus intereses estaban mellor defendidos entrando en alianzas anti-hexemónicas e cooperativas onde se escoita a súa voz de forma efectiva. Son datos empíricos.

Por iso, independentemente do resultado da guerra de Gaza, nada volverá ser coma antes. Israel meteuse nunha trampa saducea da que lle vai ser difícil saír. Se decide expulsar os palestinos de Gaza ou Cisxordania (a segunda Nabka) o conflito expandirase a unha guerra rexional de consecuencias críticas para todos, incluído Israel. Se, pola contra, se retira por esgotamento ou pacto diplomático, o prestixio do Estado sionista verase seriamente afectado e as revoltas internas serán tamén inevitábeis.

De momento, aínda sen entrar nunha guerra aberta, Hezbollah ten varias divisións israelís ocupadas no sur do Líbano, nunha estratexia afín ao Eixe da Resistencia que ten con Hamás (a pesar das súas diferenzas) e outras organizacións de Siria, Iraq e Iemen. Nasrallah deixouno claro. Nun discurso de grande estratego, declarou que as distintas faccións da resistencia funcionan de forma soberana e sen inxerencias de terceiros países, salvo a nivel solidario. Desa maneira eximiu a Irán de exercer un control directo sobre o conflito ao tempo que, nunha clara advertencia a EUA e Israel, sinalou que "en caso de conflito rexional, a guerra aérea e as flotas navais resultarán inútiles", resaltando que estaban preparados para calquera circunstancia. Non se debería subestimar a Hezbollah, derrotou o exército israelí no Líbano en 2006 e, na actualidade, a súa potencia militar é moito maior que daquela. Todas as opcións son posíbeis.

Comentarios