Opinión

Elexía triste da soidade

A vida váiselle, só fican os soños de antano perdidos entre os recunchos da memoria mínima. Nin o vulgar baile de estraños acompaña o último esquecido, abandonado polos tecnócratas do Mordor avaro e mercantil. Fuxiron, coma cagainas repugnantes, do invisíbel asasino de crónicos e imperfectos, do verdugo euxenético de anciáns desvalidos, últimas vítimas dos mercadores globais. Revélase, por fin, a verdadeira esencia dos respectábeis traficantes de vidas: sórdidos, egoístas, voraces, unidimensionais. Covardía, pánico, ignorancia e beneficio, aliadas na apocalipse vírica dos tempos cibernéticos, baixo a mirada fría do burócrata de alma metálica. O infortunado, venerábel imaxe da fortaleza de outrora, fica só, extenuado, indefenso na soidade da noite, coa mirada perdida nun punto inexistente, deixándose acariciar polas bágoas tristes do infortunio. Mentres, a loucura vai invadindo a intimidade do seu último alento. Paseniño, o innomeábel conquistou o sanctasantórum do artefacto humano, colonizando as células, ventres de alugueiro de aliens repugnantes, multiplicándose, nunha carreira maldita a ningunha parte. Fáltalle o alento, chama sen saber a quen, ninguén responde; xa non lembra ningún nome, na tribulación recita os dun tempo que cría perdido; o principio e a fin unidos na cruel fatalidade do periplo humano. Volve á infancia, ao paraíso de mañás claras e horizonte limpo, co ceo azul salpicado de andoriñas e arume a rosas; regresa ao mar primordial de augas cristalinas, deleitándose no voo lixeiro do picapeixe a ras do fugaz espello líquido. Navega, feliz, na vella dorna, rumbo ás Illas dos Deuses, adurmiñado coa cadencia poética dos remos sobre as augas tranquilas da ría prometeica. Nun novo flash, vese sorrindo, a cabalo de seu avó na procesión das festas do patrón, mentres olla o desfilar de ducias de romeiros e ofrecidos bisbando pregarias coa esperanza de que o santo lles outorgue a graza da promesa. Coma nun filme sen fin, sucédense as imaxes, agora transportado entre os recendos salvíficos dos pinos rumorosos e o misterio das carballeiras máxicas da infancia, apenas ocultas pola brétema. Fáltalle o aire. Vaise, lentamente, tras a luz do alén; ao lonxe, as notas divinas dunha sonata amósanlle o camiño, cal Beatriz solícita, a través do Paraíso. Foise, sen a calor dunha man afectuosa, só na viaxe derradeira polo proceloso Aqueronte do inframundo. Por fin, mergullouse na nada, o cerebro ficou en suspenso, atrapado nunha singularidade espazo-temporal, mentres a ambivalencia cuántica resolveu o arcano do microcosmos emitindo unha última onda, de enerxía liberadora, estremecendo a mente plana do pérfido tirano do Lado Escuro. O monstro bufa, desorientado, o caos non resulta manexábel. Xa non. O futuro toleou, canso dun pasado indolente e sen alma, quizais vítima da voracidade insaciábel dun fondo de investimento atrapado na burbulla dun mundo paralelo. Descansade en paz, amigas e amigos anónimos; a memoria volverá, sempre volve, vingarase do futuro traizoado e abrollará, de novo, a luz inextinguíbel da esperanza.

Comentarios