Opinión

Dereita absolutista

Hai unha cultura nas dereitas monárquicas españolas (políticas e económicas), manifestada xa con claridade nos albores do constitucionalismo liberal do s. XIX, de negarlle aos partidos políticos progresistas lexitimidade suficiente para defender as súas ideas ou levar adiante as súas accións de goberno. Neste esquema, os "outros" son como uns adventicios que veñen invadir as institucións patrias e a disputarlles uns privilexios que consideran da súa exclusiva propiedade. Ese foi (e é) o caldo de cultivo ideolóxico que explica os múltiples pronunciamentos, motíns, golpes ou alzamentos na sanguinaria historia política española dos últimos douscentos anos.

Aínda que esa vesania foi cuberta cun tupido pano tras o Pacto da Transición, a decadencia do sistema capitalista e a falta de solución ao "problema territorial" volveu traer de volta o absolutismo español máis reaccionario. Non importa que os diferentes Gobernos socialistas, coas súas reformas laborais e bancarias, a privatización masiva de empresas públicas ou a concentración de medios de comunicación nas súas mans lles garantisen ás elites españolas a multiplicación dos seus beneficios e a continuidade dos privilexios que gozaron durante a ditadura. Roma non paga traidores.

Especialmente, non lles resulta tolerábel que as zonas máis dinámicas da economía española sexan comunidades como Euskadi ou Catalunya ou que a conciencia nacional das nacións históricas amose unha cultura democrática colectiva máis avanzada que no resto do Estado. Como non teñen argumentos racionais con que combater esa incómoda realidade acoden aos fantasmas tradicionais da decadente e lóbrega galería imperial. Por iso, volven utilizar a ameaza de ETA esquecendo que se disolveu hai máis de dez anos. Por iso, criminalizan os partidos nacionalistas vascos, cataláns ou galegos ao tempo que non só toleran a existencia de partidos ultras como VOX, que reivindican abertamente a época franquista, senón que incluso gobernan con eles nun acto de cinismo insuperábel.

Por iso, a ameaza de Feijóo de derrogar a Lei de Memoria Democrática. Unha lei que só intenta reparar (e só de forma limitada) o sufrimento das familias dos represaliados e asasinados republicanos e nacionalistas durante a guerra e a ditadura franquista.

Só a mala conciencia de Feijóo e dos seus correlixionarios pode explicar este desatino. Claro, como van conciliar o seu aggiornamento "democrático" co feito incontestábel de que os principais fundadores de AP-PP (e demais partidos epígonos) fosen relevantes ministros de Franco, como Fraga Iribarne, Martínez Esteruelas, Silva Muñoz, López Rodó ou Fernández de la Mora? Mesmo Feijóo foi apadriñado finalmente por Fraga como o seu sucesor. Todos eses persoeiros participaron solidariamente dos crimes do franquismo, pero quedaron libres de pecado coa súa milagreira "conversión democrática", estendéndose a bula aos seus herdeiros.

Así, da noite para a mañá. Pero o que se lle recoñece á dereita négaselle a outros, como Bildu, que lle esixen pedir perdón toda a vida. O grave desta perversión e involución política é que os responsábeis non só están na dereita.

Comentarios