Opinión

Crises entrelazadas no horizonte

O economista francés Jacques Sapir advirte da posibilidade de que a economía mundial se vexa gravemente afectada pola conxunción de tres crises simultáneas a curto prazo. Unha diagnose que se afasta da visión optimista e de conxuntura pola aparente baixada de prezos dos combustíbeis e da enerxía. Unha visión (esta) que esquece que os países da UE gastaron hai uns meses (no inverno), 800 mil millóns de euros (máis que na crise da Covid-19) para protexer a fogares e consumidores enmascarando o impacto da subida real co traslado do gasto aos orzamentos públicos mediante o brutal incremento da débeda. Unha medida social positiva a curto prazo, pero que mergulla no abismo as finanzas públicas ao combinarse a débeda coa recesión económica en desenvolvemento en Europa.

Segundo Sapir, a primeira crise potencial é a bancaria, que enfronta graves problemas pola vaga da inflación e a suba de tipos, que xa produciu varios colapsos bancarios en EUA e Europa advertindo que a multiplicación de crises nos bancos medianos pode desembocar nunha crise de maior envergadura a nivel dos bancos centrais.

A segunda crise en formación sería a que afecta as economías europeas, "atrapadas entre a crise inflacionaria e a crise enerxética", como sinalei antes. O economista francés ve pouco realista supoñer que os países da UE poidan seguir desembolsando cantidades que se acercan ao billón de euros para subvencionar os combustíbeis e a enerxía eléctrica sen caer no colapso económico. Prognostica que a inflación subxacente será difícil de controlar porque as grandes empresas seguen decididas a aumentar as taxas de beneficios de forma temeraria. En consecuencia, unha taxa de inflación alta combinada cun crecemento débil en varios países, despois do anuncio do comezo dunha inédita recesión na locomotora alemá, certificarían unha crise de gran calado na UE.

O terceiro elemento en discordia sería o que Sapir denomina "implosión do multilateralismo", fragmentando as relacións comerciais e financeiras en todo o planeta. En realidade, a implosión sería a división entre o bloque económico occidental e o BRICS+ que agruparía as economías emerxentes lideradas pola China, India, Rusia e Brasil cunha participación no PIB mundial ascendente e imparábel. A única solución a esta "ameaza" a curto prazo sería que occidente cambiase o seu enfoque hexemónico e de imposición unilateral das súas normas pola cooperación económica internacional en pé de igualdade, algo que non se albisca nun horizonte próximo.

Como os sistemas económicos están interrelacionados no ámbito internacional, as diferentes combinacións desas tres crises resultaría inabarcábel e conduciría con moita probabilidade ao caos económico da economía occidental, especialmente na UE. Se engadimos a guerra do Leste como un cuarto factor enormemente crítico con influencia sobre todos os demais, xa teríamos o cadro completo da situación.

Pero o maior problema é que unha grande parte da sociedade non ten idea do que ocorre, nin dos riscos e perigos inminentes aos que nos enfrontamos como humanidade. E se ignoramos os problemas non poderemos buscar as solucións.

Comentarios