Opinión

De crimes e pusilánimes

O próspero Occidente aínda goza dun benestar económico e social importante, se o comparamos con outras zonas do planeta. A riqueza acumulada ao longo de séculos de espolio colonial e neocolonial dá para moito e as súas reservas e capacidades aínda son relevantes. Só hai un pequeno problema, a súa decadencia imperial, que corre parella coa rebelión da periferia e o desafío dos grandes países emerxentes. Acabouse a festa e haberá que render contas.

Un dato contundente sobre o inevitábel inicio da conta atrás é que ningunha das medidas adoptadas polas elites foron quen de reverter ese declive terminal. Ao contrario, a acumulación agresiva de capital, as sancións a países rebeldes, as guerras neocoloniais... acabaron transformándose en terríbeis búmerangs e a chegada dunha fase aínda máis autodestrutiva quizais estea máis próxima do que se pensaba. Poucos confían xa no hexemón ianqui.

Os sinais son numerosos: a recente decisión do Goberno iraquí de ordenar a retirada das tropas de países da OTAN do seu territorio, as eficaces accións de Iemen no Mar Vermello en apoio de Palestina ou a negativa de importantes aliados a secundar a EUA na súa aventura de xendarme neocolonial son datos que falan por si mesmos. Dous países desfeitos pola guerra imperial son quen de desfacer a xeo-estratexia de Occidente. En realidade, non é nada raro, que se pode agardar dunha metrópole co xefe do Pentágono internado na UCI durante máis dunha semana sen coñecemento da Casa Branca? Despois de todo, para que avisar a Biden, pensaría Austin.

Nesas circunstancias, non resulta estraño que o pánico comece a aflorar. Todo sae mal. O experto suízo en intelixencia militar, coronel Jacques Baud, demostra nun ensaio recente que os prexuízos, a disonancia cognitiva e a soberbia político-militar occidental levou a OTAN á derrota na fronte ucraína. E agora, o que fai tremer o inepto gabinete de crise da anglosfera é que a tendencia incontrolada do conflito do Oriente Próximo acabe de aniquilalos, como recoñece o ben informado xornal norteamericano Político.

A posibilidade dun conflito bélico en toda a rexión, abarcando dende o Mar Arábigo, o Golfo Pérsico e o Mar Vermello ata o Mediterráneo, coa potencial implicación de Exipto, Turquía, Arabia Saudita ou Irán, sería un pesadelo para Occidente, pero cada vez está máis preto. Non hai marxe para a dúbida, Netanyahu e os sionistas están tan desesperados que a ninguén se lle escapa que os seus crimes indiscriminados en Gaza, Líbano, Siria e Irán teñen como obxectivo arrastrar as grandes potencias a unha confrontación directa. E o Goberno español anuncia o despregue de máis militares no exterior? De loucos.

En definitiva, a situación está a piques de desmadrarse. Pero, que ninguén se engane, a responsabilidade por toda a barbarie e impunidade anglo-sionista é dos cómplices directos dese crime de lesa humanidade, deses pusilánimes dirixentes de papel da UE-OTAN (terríbel, crense as súas propias mentiras), que consenten ese holocausto por medo a enfadar amigo americano. A imaxe da opulenta, servil e indolente Europa pasaranos unha factura que non poderemos pagar.

Comentarios