Opinión

De alpabardas útiles

Resulta curioso que países que practicaron no seu pasado o expansionismo territorial de forma sistemática, por interese propio ou alleo, sexan percibidos historicamente como vítimas inocentes das grandes potencias e absoltos de calquera responsabilidade histórica. É o caso polaco, sen necesidade de irnos ao seu agresivo pasado imperial do s. XVII que desembocou na súa case desaparición como nación. 

Conformémonos, por motivos de espazo, con botarlle unha ollada ao seu renacemento no século XX despois da Primeira Guerra Mundial (PGM). A II República Polaca, mimada polos anglosaxóns, comezou a súa andaina cunha serie de anexións territoriais de Austria-Hungría (Lvov), ademais dalgunhas provincias rusas, a zona ucraína de Galitzia ou a rexión de Vilna arrebatada aos seus antigos aliados lituanos.

A política de alianzas polaca seguiu dando bandazos durante o período de entreguerras emprendendo unha agresiva represión da cultura local no leste da república e impoñendo a relixión católica fronte á maioritaria ortodoxa. En 1934, o mariscal Pilsudski asinou un pacto de non agresión coa Alemaña nazi que se pode xustificar na necesidade polaca de supervivencia fronte ao seu poderoso veciño. O que resulta imposíbel de xustificar é a súa participación, en 1938, nos Acordos de Munich, coas potencias occidentais contemporizando con Hitler e orientando as súas ansias territoriais cara á Unión Soviética. Ese amaño permitiu a anexión dos Sudetes polos nazis e a checoslovaca Silesia de Cieszyn polos polacos. 

Este dato é relevante para comprender mellor o pacto Ribbentrop-Molotov en 1939, unha medida preventiva soviética fronte ao expansionismo nazi e as manobras occidentais e, ao tempo, resolver as cuestións territoriais cos polacos pendentes dende a PGM. Pódese non estar de acordo con este arranxo, pero non foi moi diferente do executado entre Polonia e Hitler un ano antes. A diferenza está en que finalmente, por iniciativa soviética, ao final da SGM, Polonia volveu recuperar a independencia e incluso novos territorios alemáns a instancias de Stalin. Podemos engadir todos os matices que queiramos, pero esa é a verdade histórica.

Esta rápida sinopse é interesante para explicar os movementos que se están dando na actualidade, por iniciativa polaca, con Ucraína e Lituania. Un novo intento de rexurdimento do antigo imperio baixo a atenta mirada dos seus protectores anglo-norteamericanos. Hai moitos datos que suxiren que Zelenski está disposto a ceder parte da Ucraína occidental aos polacos e, para xustificar ese agasallo, Polonia está preparando un exército de "liberación" entre os tres países co obxecto de enfrontarse aos rusos e incluso anexionar territorio bielorruso. 

Non é ningún segredo que milleiros de mercenarios polacos están participando na guerra en territorio ucraíno, volvendo a maioría deles en cadaleitos de zinc ao seu país. Pero unha cousa é a participación encuberta na Guerra do Leste e outra unha agresión formal de exércitos da OTAN a Rusia. Todos saben o que pasará a continuación, e daquela non haberá lugar para invocar o artigo 5. Aos anglos vailles moi ben con toda esa louza. 

Comentarios