Opinión

Quen pode salvar Galiza? Galiza mesma!

O pasado 24 de Xullo en Galiza tiña lugar a 3km. de Compostela unha das peores traxedias da historia. O descarrilamento dun tren. A estrela vermella da nosa bandeira cubríase de dor e de conmoción ante o sucedido nese día ás 20:42. 

No 2006 implantábase no Estado español as primeiras liñas de alta velocidade, as cales estaban equipadas cun sistema ERTMS, que a súa vez se compón doutros dous sistemas, entre os cales, o ETCS, que non estaba instalado nesa curva, e podería ter evitado o sinistro. Independentemente do erro humano que, desde logo, eu non vou cuestionar pois ten que ser analizado e investigado, por desgraza, nun primeiro momento, semella moito máis fácil arremeter culpas contra o maquinista e non asumir ademais certas posíbeis deficiencias, tendo en conta que a curva onde se produciu a traxedia non estaba adecuada para a alta velocidade, posto que ese tramo non é de nova construción.

"Cómpre unha boa investigación dos feitos para que non se volva repetir unha traxedia coma esta"

Son das que penso que toda persoa humana merece un respecto e neste caso, certos medios de comunicación chegaron a ser moi crueis co maquinista, sen analizar antes outros detalles que poderían ter influído no sinistro. É por iso que cómpre unha boa investigación dos feitos para que non se volva repetir unha traxedia coma esta.

Por outra banda, o propio día do accidente, os medios de comunicación, controlados polo PP, xa se fixeron eco da noticia e aproveitaron a ocasión para publicaren a información deturpada en función dos seus intereses, sen teren en conta a gravidade do asunto, o cal demostra a súa incompetencia e falta de humanidade. Así, a TVG deixaba caer a posibilidade de atentado poucos minutos despois do acontencido sen coñecer as causas, desde logo unha mostra máis da manipulación da información en función dos seus intereses, ademais do pouco tacto coas persoas neses duros momentos. 

"A TVG deixaba caer a posibilidade de atentado poucos minutos despois do acontencido sen coñecer as causas, desde logo unha mostra máis da manipulación da información"

O 25 de Xullo Galiza amencía chea de tristura e de conmoción ante a traxedia inesquecíbel da noite anterior. Sempre tiven certo pudor da información de “La Voz de Galicia” mais nunca pensei que superasen os límites da inhumanidade de tal xeito que fosen capaces de retratar os corpos ensangrentados ou as roturas das partes do corpo das vítimas ao descuberto. Magoa  que o morbo e vender sexan máis importante que o respecto cara ás persoas. Incomprensíbel.

Malia todo isto, lembrarei o 24 de xullo de 2013 para sempre, con moita dor e angustia e coa impotencia e desesperación do momento, ante a inexplicación dos feitos e a incredibilidade do momento. Poderei esquecer algún detalle desa noite, mais o que nunca borrarei é o que non saíu na portada de “La Voz de Galicia”. Os detalles máis importantes, o que fan humanas ás persoas. A imaxe das colas quilométricas para doar sangue. Compostela nesa longa noite, tamén na Coruña e en Pontevedra, Vigo, Lugo ou Ourense. Recordarei @s veciñ@s de Angrois como exemplo de humanidade e solidariedade, persoas anónimas que acudiron ao momento para rescatar as vítimas canto antes. Bombeiros que desconvocaron unha folga. Enferm@s que pediron altas voluntarias para deixar camas e sitio libre. Persoal sanitario, que non estando no seu posto de traballo ou mesmo rexistrado no paro, acudiu de inmediato para botar mil mans. Sen nada a cambio. Non querían saír en portadas de xornais. Só mantiñan a esperanza de que a súa rapidez e implicación inmediata podería servir de algo. 

En momentos tan duros e catastróficos coma este, comprendín que a solidariedade humana traspasa barreiras e nesa cola puiden observar persoas que baixaron da súa casa, única e exclusivamente para doar sangue. Anciáns e anciás. Puiden observar mocidade que cambiou a dirección da festa cara ao Monte da Condesa para doar sangue. Puiden observar familias. Puiden observar tamén nais con bebés no seu colo, mais agardando para doar sangue. Puiden observar xente chorando mentres esperaba o seu turno para doar. Puiden observar humanidade, que o pobo galego é un exemplo de solidariedade. 

"Un pobo que en momentos tan tristes e desesperantes coma este, reacciona e resposta de inmediato. Que o dá todo"

Esa noite, malia o desgusto que todas e todos vivimos, serviume tamén para reafirmar o orgullo polo meu pobo e pola miña xente. Un pobo que en momentos tan tristes e desesperantes coma este, reacciona e resposta de inmediato. Que o dá todo. Porque só os bos e xenerosos, as boas e xenerosas sabemos que Galiza só será salvada por Galiza, que diría Castelao, que se estiver esa noite, tamén estaría na cola para doar sangue. 

Porén, os férridos e duros, imbéciles e escuros prefiren copiar e pegar pésames desde Madrid.

Comentarios