O virus do papiloma humano é un conxunto de numerosos axentes infecciosos pertencentes á familia dos papillomaviridade. Actualmente coñécese que cando menos cen destes patóxenos supoñen un perigo neoplásico (unha formación anormal de carácter tumoral) para a poboación, que pode ser de alto ou de baixo risco oncolóxico. Dentro do primeiro grupo están clasificados 13 tipos de virus, entre os que se atopan o VPH 16 e o VPH 18, responsábeis do cancro de útero, mentres que no segundo están identificados o VPH 6 e o VPH 11, causantes de verrugas xenitais.
A infección do papiloma humano é, ademais, a enfermidade de transmisión sexual máis frecuente entre a poboación. Ambos os sexos son portadores asintomáticos da doenza e poden contaxiarlla ás súas parellas. Con todo, débese resaltar que son os varóns a principal vía de transmisión do virus, tal como explica, en declaracións a Sermos Galiza, a médica da unidade de patoloxía cervical do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHUP) Eva Rodríguez. Ao redor dun 75% das mulleres e dun 85% dos homes sexualmente activos inféctanse de papiloma ao longo de toda a súa vida, segundo cifras achegadas a este medio pola xinecóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) María Calaza. Porén, na maioría dos casos adoita desaparecer do organismo co paso dos anos sen presentar ningunha lesión.
A persistencia da infección nas persoas que o contraen só acontece no 10% dos individuos, dos cales só o 1% chegará a desenvolver lesións neoplásicas asociadas a el.
O virus e o cancro
No referente ás mulleres, o virus está relacionado co 100% dos cancros de cérvix e das súas lesións precursoras, segundo dados aportados polo Boletín Epidemiolóxico Galego en base a estudos realizados pola Organización Mundial da Saúde en 2012. Esta mesma investigación tamén afirma que o papiloma está incluído entre os axentes etiolóxicos dos cancros de vaxina (nun 70%) e de vulva (45%). A pesar da crenza popular, o VPH tamén ten especial incidencia no sector poboacional masculino, sendo responsábel do 45% dos casos de cancro de pene e do 90% dos cancros anoxenitais. Estes últimos poden desenvolverse en mulleres; non obstante, «son moito máis frecuentes en homes, sobre todo naqueles que son inmunodeprimidos», aclara a doutora Rodríguez.
O virus tamén ten relación cos cancros orofarínxeos, de cavidade oral, de colo e de larinxe. E, ademais, a súa infección pode chegar a producir verrugas xenitais, unha lesión de importancia a pesar do seu carácter benigno, pois «pode chegar a causar no doente danos psicolóxicos», informa a doutora Calaza, e porque «precisa de tratamentos caros e complexos ou requiren de cirurxías que deixan secuelas e que moitas veces son ineficaces».
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 349 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]