Feijóo non irá ao Parlamento a explicar os 2 millóns € en doazóns opacas ao PPdG

Durante a rolda de imprensa posterior ao consello da Xunta, que durou por volta dunha hora, o mandatario galego unicamente precisou beber auga nunha ocasión: ao lle preguntar por Bárcenas. Dar non deu explicación ningunha ao considerar que por este caso "só debe responder a Xustiza"


"Eu no Parlamento comparezo cada 15 días e sométome ás preguntas da oposición. Volverei facelo en setembro. Estou a agardar polo alcance desas preguntas para as poder contestar".

Debuxando un sorriso e restando importancia ao informe que no ano 2006 emitiu o ex-xerente do PPdG, Modesto Fernández, en que daba conta dos pagamentos ilegais que múltiples empresas fixeron á formación conservadora para finanzar a campaña eleitoral de Manuel Fraga en 2005.

Así respondeu o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, ao lle preguntar se comparecerá no Parlamento para explicar estas doazóns opacas. Malia que as explicacións llas pediron xa todos os grupos da oposición, Feijóo deu a entender que non ten previsto pronunciarse ao respecto.

Pon en dúbida as declaracións de Bárcenas

Con todo, si que falou de Luis Bárcenas. Após beber un grolo de auga por vez primeira desde o inicio da súa intervención, había case unha hora, Feijóo dixo do ex-tesoureiro do PP que "a estratexia de defensa desta persoa non pode rachar o funcionamento das institucións" e que tanto o goberno español como o galego deben continuar coa rotina habitual "porque estamos para gobernar".

As investigacións xudiciais van confirmando o que nun primeiro momento eran só presuntas anotacións de Bárcenas: o PP recibiu doazóns ilegais durante 20 anos. Porén, o mandatario galego considera que o seu partido non ten por que pronunciarse xa que sobre esta contabilidade en B "só debe responder a Xustiza". 

Doazóns ilegais a cambio de contratos coa Xunta

Hai máis. No informe de Modesto Fernández aparecen doazóns de empresas do sector da construción feitas ao PP galego até alcanzar os dous millóns de euros, cando o máximo fixado na lei é de 60.000 euros. Eses doantes conseguiron despois contratos coa Administración galega por un montante que o PSdG fixou xa en 1.500 millóns de euros.

Feijóo, que desta volta non só militaba xa no partido, senón que exercera responsabilidades na Xunta como secretario xeral de Agricultura (91-96), como conselleiro de Política territorial (2003) e como vicepresidente (2004), comprometeu na rolda de imprensa "transparencia absoluta" sobre o volume de contratos que as empresas do informe de Fernández asinaron co Goberno galego: "non lle quede dúbida de que daremos toda a información necesaria da cal dispomos sobre as empresas adxudicatarias deses contratos cando algún deputado pregunte por elas".

A totalidade dos contratos da Xunta con empresas vinculadas ao narcotraficante Marcial Dorado, nomeadamente os subscritos co Sergas, onde Feijóo tiña responsabilidades cando se tomaron as fotos no iate, non foron aínda postos riba da mesa.

Feijóo ten xustificación para a lea de Pemex

Os atraso nos contratos coa petroleira mexicana Pemex que a Xunta prometera ten xa xustificación. Ao entender de Feijóo, "botóuselle a culpa á Xunta pero Pemex estaba pendente do tax-lease", en referencia á resolución da Comisión europea. Foi por iso polo que en Navantia non saben nada aínda do prometido buque e polo que en Barreras non se comezou a cortar aínda a chapa cando a firma americana confirmara xa carga de traballo para a ría de Vigo.

Após esta argumentación, o presidente da Xunta reiterou que "os contratos con Pemex son os que eran". Comprometidos hai case un ano, a realidade é que o naval galego segue a agardar por eles.

Comentarios