Feijóo, agochado detrás de Bárcenas

O presidente da Xunta de Galiza mantense en silencio e aproveita o rebulir do escándalo que apunta a Rajoy para que a treboada non o salpique. A oposición en pleno exixe a súa comparecencia urxente en sesión parlamentar mais o PP ten a última palabra

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galiza
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galiza

A imprensa publicábao a pasada fin de semana mais os SMS entre Rajoy e o ex-tesoureiro e os recibís por valor de 100.000 a Castela A Mancha, deixaron nun segundo plano o protagonismo do PPdeG no escándalo de financiación ilegal no partido popular. 

Rosendo Naseiro, Romay Beccaría e Pablo Crespo. Dous ex-tesoureiros do PP e o secretario de Organización do PPdeG. Os tres involucrados na trama de financiamento ilegal que --todo apunta-- se mantén desde os tempos de Alianza Popular. 

O último protagonista Modesto Fernández, ex-xerente d@s populares en Galiza, quen emitiu un informe en 2006 no que consignaba os pagamentos ilegais que múltiples empresas terían feito ao PP para financiar a campaña electoral de Manuel Fraga.

Entre 1997, 1998 e 1999 o PPdeG tería drenado a Madrid por volta de 40 millóns de euros ilegais, de acordo cos 'papeis de Bárcenas'

Até dous millóns de euros foran doados por empresas do sector da construción de maneira opaca e ilegal --ao superaren os 60.000 euros permitidos pola lei. Naquela altura, Alberto Núñez Feijóo non só militaba no Partido Popular, senón que xa exercera responsabilidades de goberno como secretario xeral de Agricultura (1991-1996), conselleiro de Política Territorial (2003) e vicepresidente (2004). 

As empresas que fixeron as doazóns opacas terían conseguido contratos, con posterioridade, coa Administración galega. O PSdeG estima o valor deses contratos en 1.500 millóns de euros.

As forzas da oposición exixen que Núñez Feijóo dea explicacións

O líder do executivo galego mantense nun segundo plano á espera de que amaine a treboada. Porén, os tres grupos da oposición exixiron unha reunión urxente da Deputación Permanente para convocar unha sesión parlamentar extraordinaria na que o presidente da Xunta explique o financiamento do PPdeG e a súa relación coa contabilidade B do PP en Madrid.  

As empresas das doazóns opacas terían conseguido contratos coa Administración galega por valor de 1.500 ME, segundo estimacións do PSdeG

Pola súa banda, o PSdeG exixiu á mesa da Comisión non permanente para a prevención da corrupción, que inclúa entre as comparecencias a do líder do executivo. Aliás, advirten que de non se producir abandonarán este organismo pois "non ten sentido que desfilen académicos mais non comparezan políticos afectados pola corrupción", denunciou o portavoz parlamentar, Abel Losada. 

Desde o BNG, mesmo advertiron ao líder d@s populares galeg@s que exixirán a súa demisión de se confirmar a veracidade dos documentos publicados, de igual maneira que exixen a do presidente español Mariano Rajoy. "Un partido en putrefacción", asegurou Xavier Vence a respeito do PP, "non pode gobernar" e debe, sentenciou, "convocar eleccións". 

Comentarios