Blogue | E eu que sei

A abondar aínda na figura de Ramón Piñeiro

Subín aquí un texto no que facía ver a necesidade dunha biografía completa, humana e política, un estudo da figura de Ramón Piñeiro.

E quería facer ver que fora unha figura determinante, mesmo refundadora, no galeguismo. E como o seu labor deixou conformada a autonomía galega e a ideoloxía na que se sustenta tanto o sistema político como as institucións.

Tamén apuntei que, como ocorre con todas as figuras políticas, as súas estratexias só puideron triunfar nun momento histórico determinado.

No caso de Piñeiro, nun tempo de falta de liberdades, nun tempo no que hai que actuar no avesío. Porque as súas cualidades eran as dun conspirador, alguén que ten un norte onde se dirixir, un obxectivo; que ten capacidade de ler a conxuntura política e información; alguén que sabe ver os recursos humanos ao seu dispor e que ten decisión para apartar os obstáculos e centrarse exclusivamente nos seus obxectivos.

Piñeiro, polas súas caracteristicas psicolóxicas e tamén culturais, non podería ter realizado un papel público importante no caso de mantérense as institucións democráticas republicanas e unha vida pública con debates libres. Polo contrario, era quen a aproveitar as cativas posibilidades dun tempo no que había que conspirar para sobrevivir unha idea.

Precisamente porque refundou o galeguismo nunha ponla esgallada do toro, o que aquí cualifiquei fundadamente de "herexía", e argumentou e abenzoou esta época da autonomía, urxe ese estudo de conxunto para comprender o sistema ideolóxico e político que afronta o proxecto nacional galego.

Algunha resposta inmediata a ese meu texto, descualifcando a PIñeiro e cualificándoo de covarde e de aproveitado, demostra a animosidade latente nunha parte do galeguismo, do nacionalismo galego. Mais tamén revela a impotencia desas críticas perante unha situación establecida con todo o poder detrás.

Non é verdadeiro nin xusto pretender que Piñeiro tivese esas debilidades de carácter, precisamente era todo o contrario. Foi completamente certa a súa frugalidade no vivir, moitas persoas podemos testemuñar a súa vida practicamente núa de confort, e demostrou coraxe en todo momento para conseguir os seus propósitos políticos. Porque, efectivamente, foi un político. Ese foi o seu labor e ese foi o seu perfil un conspirador político. E a tarefa que realizou foi de alcance e atínxenos a tod@s e aos nosos destinos.

Non ten sentido facer del un monifate, un estafermo ao que lle bater inútilmente porque ese espantallo non é a súa figura. Merece intentar coñecelo, o recoñecemento da verdade.

A súa figura está mitificada e esa mitificación reitérase unha e outra volta e confírmase nos discursos e medios do poder. Epígonos e epígonos dos epígonos repiten o relato mitificador . Tal consistencia ideolóxica, política, cultural, mesmo empresarial ten o piñeirismo, tan indiscutido e establecido, que un amigo escríbeme felicitando por atreverme a publicar a miña opinión no asunto. Na conciencia de que como el me di, en clave irónica, “Sabes perfectamente que onte algúns/has que mandan moito na cultura do país puxeron unha nova cruz ao carón do teu nome, o teu pecado será castigado.” Chega un momento no que unha nova cruz xa non importa.

Mais a ironía na súa expresión só expresa a realidade, efectivamente atreverse a opinar sobre Piñeiro disentindo do relato establecido é tocar o fulcro, a pedra na que descansa o tinglado todo no que están encerrados o presente e o futuro do noso país. E ten as súas consecuencias, asumidas de antemán.

Que iso se publique neste facebook dun particular, ou nun xornal, o único en galego (e o único en papel que é excluído das axudas con diñeiro público da Xunta), reflicte tamén como é de allea esta opinión á oficialidade instituída.

Pois iso, falta un debate aberto sobre a figura de Ramón Piñeiro e o seu legado, un debate fundado, procurando a obxectividade, limpo e claro.

Comentarios