Blogue | E eu que sei

Piñeirismo, unha herexía triunfante

O novo Presidente da Xunta, señor Rueda, invocou para ser investido Presidente da Xunta a benzón de Ramón Piñeiro. Como xa fixera repetidamente Feijóo e como fixeran antes Fraga e Fernández Albor. A figura de Piñeiro serviu e serve para lexitimar e abenzoar patriarcalmente estas décadas de autonomía baixo a constitución de 1978 interpretadas pola dereita española. Realmente tamén pola esquerda española, pois o propio Piñeiro foi parlamentario autonómico na candidatura do PSOE.

Sendo así que a súa ideoloxía e o seu discurso é o que se realizou políticamente na Galiza e co que se identifican todas as institucións hoxe existentes. E non só as institucións políticas, pois é innegábel a súa inspiración e presenza na actual Real Academia Galega, no Consello da Cultura e, loxicamente, no Instituto Ramón Piñeiro. Todo o sistema institucional vixente está enchoupado e lexitimase no pensamento e na estratexia histórica de Ramón Piñeiro, no "piñeirismo". Sendo así, como non habemos de preguntarnos como é que non hai aínda un estudo serio da súa figura, como é que non hai aínda unha biografía con verdadeiro carácter científico? Como é que só hai retratos da súa figura feitos desde o partidismo e baseadas no relato que el propio estableceu do ocorrido desde a Guerra Civil.

Ramón Piñeiro nace como figura política no Partido Galeguista, é aí na primeira clandestinidade onde el toma a dirección do galeguismo no interior e onde comeza un camiño propio que conduciu atravesando fases, mais sempre cunha mesma orientación. Unha orientación que rompeu cunha continuidade política que foi desde o republicanismo do XIX, de Faraldo e a Revolución de 1846, de Murguía e as Irmandades até o Partido Galeguista republicano de Bóveda e Castelao.

Non hai dúbida de que ese fenómeno haino que situar, para comprender, nas circunstancias da Guerra Civil e como se situou o réxime franquista na Europa tras a II Guerra Mundial. Ese factor é determinante para entender como esgalla o galeguismo e Piñeiro rompe con Castelao e o exilio. Non é posíbel entender a fin da II República nin o desenlace da Guerra Civil fóra dos conflitos entre as potencias europeas e tampouco é posíbel entender a deriva conducida por Piñeiro sen elas. Malia existir previamente unha liña dentro do galeguismo que se xustificaba no carácter culturalista e esencialista, que podía servir para argumentar ese camiño, fronte a un galeguismo político e republicano.  

Hai aspectos biográficos que non se deberan desconsiderar para explicar a ruptura e, mesmo enfrontamento, con Castelao e os exiliados. Non desconsideraría a súa procedencia de terras do interior, que vivían transformacións económicas e sociais máis demoradas fronte ao dinamismo das cidades e vilas costeiras ou máis occidentais, con experiencias sociais diferentes que crean percepcións das realidades sociais e visións do país distintas entre os galeguistas da Galiza oriental e a occidental.

E non desprezaría tampouco a personalidade rebelde de Piñeiro, este ofreceu unha imaxe de home sereno, dialogante e construtivo que contrasta coa constatación das súas actuacións, resolutivas e terminantes. Como ben sentenciou Otero Pedrayo moi ao respecto, "todo filósofo leva dentro un dictador". Visto con distancia a súa decidida rebelión contra a xeración dos maiores ten moito de edípica, e non hai dúbida de que foi unha rebelión triunfante, o proxecto da xeración republicana foi destruído pola historia e o proxecto de Piñeiro soubo navegar e adaptarse ás novas ondas do tempo.

Hai estudos parciais moi interesantes, mais non temos un traballo integrador que reconstrúa en conxunto e de vez as posicións defendidas por Piñeiro na reconstrución do PG con Gómez Román e os seus pasos como representante dos galeguistas do interior en relación co goberno republicano no exilio en Francia e, ao tempo, as súas relacións coa embaixada inglesa e os seus plans para o futuro de España. Falta integrar no relato da reconstrución do galeguismo diversas iniciativas e momentos decisivos que foron apartados no relato que construíron el e os seus seguidores. Un relato no que practicamente só existen Piñeiro e "Galaxia".

Un relato do que se exclúen, alegando pretextos diversos para a súa desconsideración, momentos de reconstrución decisivos como a recuperación da Casa de Rosalía, que integra a todos os galeguistas no interior, ou o nacemento de "Bibliófilos Gallegos", a primeira editorial galega na posguerra con verdadeira entidade e plan editorial. E falta clarexar o que se dirime cando Piñeiro se instala en Compostela e manobra separando e seleccionando os membros da nova xeración, na súa actuación hai tanto unha parte educadora e construtiva como liquidadora de toda discrepancia do seu proxecto.

É moi significativo o momento do "caso Mourullo", que no meu entender ten máis significación que un contraste de criterios estéticos e que penso que poder ter un fundamento político explícito, e que na súa resolución ten moito que ver coa construción dunha secta e a liquidación das disidencias. Cousa que expresou claramente no seu día aquel mociño que se atreveu a non someterse ao instituído "mestre" e cualificouno de "sectario". Teño experiencia particular da virulencia con que se podían expresar esas diferenzas pola parte de Piñeiro, eran diferenzas vividas como antagónicas e destinadas a ser liquidadas con virulencia.

Do mesmo modo penso que hai que situar nalgún lugar do relato da reconstrución da cultura galega e do galeguismo político e o antifranquismo que no seu proxecto non tivesen cabida figuras do galeguismo que mantiñan lealdades republicanas e que foron esmorecendo separadas unhas doutras, sen seren integradas no proxecto piñeirista, máis ben excluídas, e tampouco capaces elas de tecer un proxecto propio. E tamén é preciso ter en conta as diferenzas entre Francisco Del Riego e Piñeiro, pois esa foi unha disidencia prolongada no tempo dentro de "Galaxia" dunha grande intensidade e que tiña dimensión política.

En conxunto, se se considera a ruptura sen diálogo co galeguismo republicano, aí está a visita de Antón Baltar e a queixa de Luís Seoane, e logo a construción dunha liña de seguidores mozos adictos, que só coñecen as enérxicas instrucións e o relato do mestre sabedor dos arcanos, podemos ver que efectivamente Piñeiro foi un refundador do galeguismo expurgándoo e reorientándoo noutra dirección. Podemos pensar que esa reorientación foi determinada por unhas novas circunstancias, mais as circunstancias son sempre distintas e limitarnos a iso impide ver o específico do piñeirismo.

E constatando que ese desvío do galeguismo histórico acabou triunfando do modo no que hoxe existe, realizado na ideoloxía, nas institucións políticas e culturais autonómicas, como non habemos precisar unha biografía humana e política completa da figura de Ramón Piñeiro. Ese home que nos deixou unha imaxe como humilde e bondadoso e que sen dúbida foi enérxico e ambicioso. 

Comentarios