Blogue | Malalingua

Semente de vencer

Chegou agosto e como cada ano acudimos á homenaxe a Alexandre Bóveda en Pontevedra. O noso neno causa sorpresa ás amigas e amigos cos que temos trato de hai décadas e que vemos en actos así  pola súa espontaneidade e porque mantén un galego de boa calidade. Dalgún xeito estas persoas admíranse por un feito que debería ser o máis natural do mundo: que un neno galego fale galego.

“Vai á Semente” contestamos, e daquela todo adquire sentido.

É moi grave que o ensino en Galiza se convertera nun axente desgaleguizador. É moi grave que ás aulas entren crianzas falando galego e por causa da presión social ás poucas semanas saian falando castellano. Se se resisten serán obxecto de bullying, un acoso escolar por motivos lingüísticos que socialmente está tan asumido que nin acoso se lle considera, pois non figura nos protocolos.

Se este tipo de acoso non é nomeado, nin designado, nin introducido nos protocolos é como se non existise, como se non se dese nas aulas. Mais existe. Del fala Miguel Rodríguez Carnota no seu libro Lingua, poder e adolescencia, en que analiza supostos reais de como son perseguidas as mozas e mozos galegofalantes nun instituto galego e conclúe que non se recoñece socialmente a categoría de persoa galegofalante atacada e designado o ataque como galegofobia.

O Decreto 79/2010 afondou na consideración do galego coma unha lingua de segunda categoría, proscribindo a impartición de determinadas materias na nosa lingua. O galego, que é a lingua propia da Galiza, non pode ser a lingua das matemáticas nin das ciencias naturais.

Os resultados deste decreto son coñecidos e recoñecíbeis: a drástica caída de galegofalantes menores de quince anos, crianzas que son incapaces de falar galego. O castellano impúxose por decreto e o monolingüismo está prosperando. A Disposición Adicional Quinta do decreto ordena realizar unha avaliación anual dos resultados para asegurar un ensino plurilingüe e a aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas. Ula a avaliación anual?

Mais eu quero falar das escolas Semente, espazos de autoxestión, nos que a educación e a socialización das crianzas se desenvolven integramente en galego. Temos a oportunidade de preservar a existencia de galegofalantes. Temos o deber de garantirlles ás nosas crianzas unha educación en galego alí onde os poderes públicos non só desertan senón que desenvolven políticas públicas para combater o galego.

O informe do Consello de Europa sobre o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas reitera periodicamente o reproche ao goberno galego polo seu incumprimento no que ten a ver co ensino en galego.

E nós comprobámolo a diario: o ensino público non está a garantir a educación en galego e estáselle a negar a súa lingua ás nosas crianzas.

Estamos ante un problema colectivo ao que debemos poñer remedio de sermos conscientes da relevancia da lingua.

Por dignidade colectiva non podemos resignarnos a que as nosas crianzas acaben por mudar de lingua no proceso de socialización por asimilación coa lingua predominante.

Cando se deu o debate sobre o modelo lingüístico de ensino máis acaído, a sociedade da década dos 80 non estaba tan españolizada como a actual. Dende entón fomos a peor en todos os aspectos: en cantidade en canto ao número de falantes de galego e en calidade, porque o galego que falamos é de inferior calidade ao que se falaba entón. Sen dúbida medraron os galegofalantes conscientes, mais perdemos galegofalantes espontáneos, de forma que a transmisión da lingua converteuse nun acto deliberado. 

Cómpre unha reflexión sobre os resultados daquel modelo e se colectivamente se debería apoiar iniciativas como as da Semente, que leva anos garantindo unha educación en galego que os poderes públicos galegos denegan. Queda moito camiño por andar. Temos a esperanza de poderlles brindar a máis crianzas unha educación integral en galego, e para iso fan falta moitas mans.

Evidentemente debemos exixir que o ensino público regrado garanta o pleno coñecemento do galego e que se introduza o combate da galegofobia nos protocolos de actuación escolares, pois lamentabelmente estase a detectar un elevado grao de hostilidade cara aos galegofalantes nas aulas e a lingua galega está cada vez máis ausente. Temos que converter os centros públicos en espazos seguros para as crianzas, rapaces e raparigas que manteñen ou escollen a lingua galega como a lingua de comunicación, e mentres tanto a actual realidade expúlsanos dos centros de ensino público obrigándonos a ser disidentes, como estranxeiras na nosa propia patria, abrazando un arquipélago que se chama Semente, onde cada día xermolan máis sementiñas que son as que no futuro vencerán.

Comentarios