Blogue | Desde A Espiñeira | Falemos de psicoloxía

Pechado por vacacións

[Carlos Montes]

A vida laboral moderna é moi estresante. A presión por render, cumprir prazos ou destacar nun mercado cada vez máis competitivo pode deixarnos fisicamente esgotados e emocionalmente exhaustos. Ademais, nunha sociedade que glorifica a cultura do traballo ininterrompido, tomarse un tempo para repoñerse pode ser percibido como un signo de preguiza ou de fraxilidade. Pero nada máis lonxe da realidade! O proceso de recuperación psicolóxica é un acto necesario de rebeldía contra a rutina da trasfega, que permite que nos liberemos das pesadas cadeas do cansazo e que recuperemos a vitalidade perdida. É a alquimia catalizadora que muda a adversidade en oportunidade, a fatiga en rixo e o estrés en resiliencia.

As actividades específicas que se poden levar a cabo para recuperarse son moi variadas, polo que é máis clarificador identificar os procesos psicolóxicos subxacentes. Por exemplo, en vacacións curtas, de duración inferior a unha semana, pode acadarse distanciándose psicoloxicamente do traballo e relaxándose. Despexar a mente de ruminacións laborais e realizar actividades relaxantes, como somerxerse nunha boa lectura ou escoitar música, forman parte dun proceso de recuperación pasiva a través da redución da activación do sistema nervioso simpático. Porén, a recuperación psicolóxica en períodos máis longos non se logra só tombándose na praia ou no sofá, desprazándose scrolling down polas redes sociais sen pensar. Implica actos deliberados de autocoidado que creen momentos e espazos para a reparación. Estas experiencias de recuperación activas consisten na realización de actividades físicas, sociais ou creativas, como practicar afeccións ou descubrir novas culturas, que facilitan que os recursos persoais se restablezan. Pero, sobre todo, cómpre recuperar o control sobre o tempo propio, elixindo que actividades realizar e cando e como executalas.

Non é unha tarefa doada. Debemos cambiar a nosa concepción do papel dos períodos de descanso na restauración psicolóxica e o seu o valor como mecanismo protector da saúde mental. Este cambio de paradigma require un esforzo firme para reescribir as páxinas da narrativa contemporánea que equipara o traballo 24/7, en calquera momento e en calquera lugar, co éxito. «Pechado por vacacións» non debe ser só un cartel para colgar na porta temporalmente; senón a representación do compromiso coa recuperación psicolóxica como parte esencial dunha vida laboral equilibrada que procure a sustentabilidade do benestar os 365 días do ano.

*Carlos Montes é profesor de Psicoloxía do Traballo na USC e Presidente da Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza

Comentarios