Blogue | Desde A Espiñeira | Falemos de psicoloxía

Armario ou arco da vella?

[Concepción Fernández Fernández]

O desenvolvemento da sexualidade e a construción da identidade persoal son, sen ningunha dúbida, elementos definitorios da condición humana. Desde a infancia imos conformando as persoas que somos, de acordo coas características sexuais, estereotipos, roles e expectativas de xénero. O proceso de conformación da identidade e da orientación sexual é determinante do desenvolvemento persoal e social e precisa das mellores condicións de seguridade e acompañamento, porque se trata dun proceso complexo que pasa por períodos críticos, como a adolescencia, que de non decorrer con afecto, respecto e confianza, pode ter importantes (e negativas) consecuencias no benestar emocional e social da persoa. A invisibilización e a represión da identidade e da orientación sexual causa un doloroso sufrimento que pode resultar patolóxico e insoportábel.

Dicía Harvey Milk, icona do movemento LGTBIQ+ en San Francisco, que “todos os mozos e mozas, sexa cal sexa a súa orientación ou identidade, merecen unha contorna que lles proporcione a seguridade e o apoio necesario para poder desenvolver o seu potencial”.

A historia está atravesada de persecucións e delitos de odio contra as persoas LGTBIQ+. O mesmo Harvey Milk foi asasinado poucos meses despois de ser elixido concelleiro. E a día de hoxe, o maior número de delitos de odio sófreno as persoas deste colectivo. Traxicamente, temos recente o asasinato de Samuel en Coruña ao berro de “maricón”.

En España, non foi até 1987 que se derrogou a lei de escándalo público, que perseguía e condenaba social e penalmente á libre expresión da homosexualidade e a transexualidade. Non foi até 1995 que se inclúe no código penal a protección ante a discriminación por orientación sexual. E foi en 2005 que se aprobou a lei de matrimonio igualitario de persoas do mesmo sexo, que garante idénticos dereitos para conformar unha parella e un proxecto de familia. E foi a partir de 2018 que se admite o cambio de nome diferente ao asignado no nacemento sen esixencia de diagnóstico médico nin tratamento hormonal ou cirurxía de reasignación.

Os colectivos e persoas LGTBIQ+ levan 50 anos de incansábel labor de visibilización, apoderamento e defensa dos dereitos e dignidade das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, intersexuais, asexuais, queer e non binarias para poder expresar libremente a orientación e identidade sexual sentida. Pero aínda queda moito por facer e compre reivindicar atención e apoios suficientes para desenvolver sen prexuízos, sen sometementos e sen traumas o desexo sexual, o xénero e proxecto de vida elixido.

Recoñecendo o avance no marco lexislativo, a pesar de estar inconclusa unha lei integral, as organizacións e colectivos seguen denunciando constantemente ataques homófobos e tránsfobos, a veces fisicamente violentos, brutais e mortais, e outras, sutís e insidiosos que van calando socialmente e atopan eco e lexitimidade nos discursos de odio e criminalización da extrema dereita, que atacan directamente as persoas do colectivo e os fundamentos da convivencia democrática.

Non podemos permitir que volvan tempos de represión e sinalamentos. Non podemos permitir a volta aos armarios. Temos que defender o dereito fundamental a crecer libres, con igualdade e con seguridade e construír sociedades máis decentes, diversas e abertas. Como sempre, con máis ganas que nunca, este mes hai que celebrar con orgullo o 28 de xuño e as súas conquistas e abrirmos fiestras ao arco da vella e á esperanza dun mundo mellor.

Comentarios