Educación

A Xunta non completará até 2040 a redución das ratios nas aulas

Haberá que agardar ao curso 2039/40 para que o conxunto do ensino público non universitario galego vexa implementadas as ratios pactadas pola Xunta da Galiza cos sindicatos UXT, CCOO e ANPE nun acordo contra o que hoxe volve haber mobilización no sector educativo, cunha folga convocada pola CIG, STEG e CSIF.
Mobilización, esta terza feira en Vigo, convocada pola CIG-Ensino, STEG e CSIF. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización, convocada pola CIG-Ensino, STEG e CSIF. (Foto: Nós Diario)

Folga esta terza feira de novo no ensino galego contra o acordo asinado o 11 de outubro pola Xunta da Galiza con CCOO, UXT e ANPE para baixar as ratios nas aulas. Os sindicatos CIG, STEG e CSIF volven convocar ao profesorado a se mobilizar contra o que cualifican como "acordo da vergoña". As demandas neste paro, ao igual que no realizado o 24 de outubro, son a baixada efectiva  das ratios, a redución do horario lectivo, a redución da burocracia e a repartición lineal dos recursos económicos, ademais de maior dotación de persoal para atender a diversidade. O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicaba esta segunda feira os servizos mínimos para esta nova xornada de folga. 

Así, de novo serán os equipos directivos os encargados de fixar o persoal que conformen os servizos mínimos, que en todo caso deberán garantir a apertura e o fechamento dos colexios e dos institutos.

O acordo alcanzado o 11 de outubro implica que non acabarán de implementarse no conxunto do ensino non universitario as ratios contidas no propio pacto até o ano 2040. O motivo? Que en base ao fixado nese acordo vai ser unha implementación con carácter progresivo. Así, a redución graduada das ratios en centros públicos e privados concertados arrincaría no curso escolar 2024-25 ao pasar de 25 a 20 alumnos por cada clase en 4º de Infantil. Ano a ano iríanse incorporando o resto de cursos, até que no 2032-33 estean aplicados até 6º de Primaria. 

En ESO e Bacharelato, o compromiso é de negociar a baixada a 25 e 30 alumnos por aula, respectivamente, unha vez o calendario estea xa implantado en Infantil. De seguir este esquema, até 2040 non estarían implementados neses niveis.

"Un alumno que agora estea matriculado en calquera curso de Infantil ou Primaria en aulas cunha ratio superior a 20 non se vai beneficiar deste acordo", indica Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, a Nós Diario, pois o estudante finalizará o seu periplo no ensino non universitario sen que esa redución chegue a ningún dos cursos polos que pasa.

Os peores do Estado

Outro dos motivos do rexeitamento do acordo alcanzado entre o Goberno galego e CCOO, UXT e ANPE é o do horario lectivo. Após coñecerse a semana pasada que Madrid está a negociar cos sindicatos unha proposta pola que se reducen a 18 as horas lectivas do profesorado de FP e  Secundaria, a Galiza fica como o territorio con peor horario lectivo no Estado (20 horas). 

As convocantes do paro agardan que volva ter amplo seguimento. A Administración estabelece que os centros estean abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza do director ou, no seu caso, outro membro da dirección que o substitúa.  A Consellaría lembra que o seu incumprimento poderá ser motivo de sanción. A CIG considera que os servizos mínimos, "aínda sendo aceptábeis, dificultan que o profesorado das [escolas] unitarias exerzan o seu dereito á folga con normalidade".

Comentarios