Xustiza

O xulgado decreta o despedimento colectivo de 91 empregados de Maderas Iglesias tras adxudicar a súa venda a Surco Interiors

A compañía vasca comprometérase a subrogar a 70 dos perto de 170 traballadores da empresa.
Manifestación do persoal de Maderas Iglesias en Vigo, en outubro de 2020. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manifestación do persoal de Maderas Iglesias en Vigo, en outubro de 2020. (Foto: Europa Press)

O Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, vén de emitir un auto no que decreta a extinción colectiva dos contratos de 91 traballadores de Maderas Iglesias, despois de adxudicar o pasado xaneiro a súa venda á compañía Surco Interiors, a través da súa filial en Silleda (Deza), denominada Rica Interiors.

Na súa resolución, a maxistrada lembra que a compañía está nestes momentos en liquidación, polo que desde esta pasada terza feira, 20 de febreiro, danse por finalizados os contratos dos empregados.

Ademais, o auto indica que estas 91 persoas serán indemnizadas con cargo á masa —sen prexuízo das obrigas do Fondo de Garantía Salarial— nas cantidades que se corresponden con 20 días de salario por ano traballado, cun máximo de doce mensualidades. A pesar disto, a sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Todo iso dous meses despois de que o mesmo Xulgado adxudicase a venda de Maderas Iglesias ao grupo empresarial vasco Surco Interiors por 9,4 millóns de euros. Desta maneira, finalizou a fase de liquidación aberta en maio de 2023, quedando coa empresa unha das dúas firmas que ofertaron por ela.

Na súa proposta, Rica Interiors comprometeuse a subrogar a 70 dos perto de 170 traballadores da empresa, polo que agora chega a confirmación de que máis de 90 serán despedidos. Con todo, a oferta realizouse polos activos, sen asunción de débedas, con excepción da débeda que a sociedade teña coa Seguridade Social derivada dos empregados que si se manteñen.

Comentarios