O comité advirte que a demanda por incumprir o convenio suporá o fechamento de Maderas Iglesias

A empresa atópase no seu “mellor momento dos últimos anos”.

Persoal de Maderas Iglesias nunha manifestación en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Persoal de Maderas Iglesias nunha manifestación en Vigo. (Foto: Nós Diario)

O comité de empresa de Maderas Iglesias, empresa afincada no Porriño (comarca de Vigo) dedicada á fabricación de tarima flotante, advertiu do “máis que probábel fechamento” da planta, após a demanda interposta pola banca acredora polo incumprimento do convenio, e que foi estimada na súa totalidade polo Xulgado do Mercantil 3 de Pontevedra, con sede en Vigo.

A representación dos traballadores, encabezada pola CIG, responsabilizou as entidades financeiras da posíbel desaparición da empresa, na que traballan 170 persoas, pero que chegou a ter un cadro de persoal de centos de operarios e ser líder mundial do sector.

A banca presentou demanda de incumprimento do convenio de acredores ante o xulgado, que a estimou integramente e deu por incumprido dito convenio. A maxistrada recolleu na súa resolución que “non consta que a parte demandada promovera, en tempo e forma, unha proposta de modificación de convenio, ante os seus reiterados incumprimentos, con carácter previo á solicitude de incumprimento”, nin que acreditara “o cumprimento do plan de pagos nos termos fixados no convenio”.

Esta demanda suporá, segundo o comité, “a desaparición da empresa, que entrará en liquidación en caso de non aparecer un inversor, algo moi pouco probábel tendo en conta que até agora non se produciu a pesar das supostas xestións realizadas pola Xunta nese sentido”.

Representantes dos traballadores manterán nos próximos días un encontro con responsábeis do Igape para abordar a situación e buscar unha saída a este problema. Con todo, lamentaron que o Goberno galego se comprometera no seu día a informar sobre calquera novidade a respecto da situación da empresa ou da actuación dos bancos, pero non trasladou ningunha información ao comité “no último ano”.

“No mellor momento dos últimos anos”

Por outra parte, os representantes dos traballadores sinalaron que a sentenza que declara incumprido o convenio chega cando Maderas Iglesias “se atopa no mellor momento dos últimos anos”, con carga de traballo e co compromiso por parte da dirección da empresa de liquidar esta semana todas as débedas salariais que teñen co cadro de persoal.

Así, o comité urxe a Xunta da Galiza a “implicarse na solución” a este problema “provocado pola denuncia dos bancos e derivado da mala xestión da propiedade da empresa e do impacto da crise económica”. “Ten que facer todo o posíbel para garantir a continuidade de Maderas Iglesias e evitar a desaparición de 170 empregos, do contrario, será cómplice da desaparición dunha compañía punteira no sector”, advertiron, e confirmaron que tamén iniciaron contactos con Concellos onde residen a maior parte dos traballadores para reclamar o seu apoio.

Comentarios