Unións Agrarias intentará tombar as axudas 'Impacto Autónomo' cun recurso

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García (Foto: Nós Diario).
O sindicato busca tombar a liña de axudas 'Impacto Autónomo' da Xunta por considerar que "discrimina" o colectivo de profesionais por conta propia do rural.

Unións Agrarias (UUAA) presentará un recurso contra o programa de axudas da Xunta 'Impacto Autónomo', nunha decisión adiantada en exclusiva polo colectivo a Nós Diario.

A decisión de UUAA foi tomada na Asemblea Xeral da organización decorrida esta cuarta feira. Segundo puido saber este xornal, o sindicato xa ten tramitada a solicitude da documentación precisa para argumentar o recurso, que será desenvolto e presentado nas próximas horas.

Este programa recibiu fortes críticas por parte do colectivo de autónomos, e especialmente polas principais organización agrarias do país. Ditas críticas céntranse na súa forma de concorrencia, así como por excluír aos profesionais con menos ingresos.

Moitas das persoas levaron unha sorpresa ao descubrir a súa imposibilidade de concorrencia ao non cumprir o requirimento de teren un rendemento neto superior a 10.000 euros anuais durante o exercicio 2021.

O secretario xeral de UUAA, Roberto García, asegura a Nós Diario que esta situación, unida ao método de solicitude, fará que "a práctica totalidade das axudas cheguen a zonas urbanas, unha cuestión que nos servirá de base para a presentación nas próximas horas dun recurso que consiga paralizar as axudas".

Máis de 80% de profesionais autónomos quedarán sen acceso ás axudas da Xunta

Unhas axudas que non chegarán nin a 20% das traballadoras e traballadores autónomos da Galiza. No sistema de módulos a contía será de 800 euros mentres que no caso da estimación directa a axuda alcanzará entre 1.200 e 1.500 euros.

Se todas as axudas fosen de 800 euros, cousa pouco probábel ou imposíbel, a cantidade orzada de 30 millóns de euros chegaría para cubrir un total de 37.500 solicitudes, o que corresponde con 18,2% das ao redor de 206.000 persoas traballadoras e traballadores por conta propia da Galiza.  

A Xunta espera repartir as axudas en tres semanas

Por outra parte, os plans da Xunta son que as persoas beneficiarias poidan comezar a cobrar as axudas en tres semanas, antes de que se feche o prazo aberto para presentar solicitudes. Este programa recibiu fortes críticas pola súa forma de concorrencia, así como por excluír aos profesionais con menos ingresos.