Críticas á Xunta polo colapso na concesión das axudas 'Impacto autónomo', por orde de chegada: "Mátense vostedes mesmos"

Só as persoas máis madrugadoras poderán recibir a subvención, dado que a convocatoria non é en réxime de concorrencia competitiva.
Portal habilitado para solicitar as axudas a autónomos.
photo_camera Portal habilitado para solicitar as axudas a autónomos.

A liña de axudas que a Xunta da Galiza vén de aprobar para os traballadores e traballadoras por conta propia baixo o título 'Impacto autónomo' conta cun investimento de 30 millóns de euros para beneficiar arredor de 30.000 profesionais da Galiza, tendo en conta que a contía das subvencións oscila entre os 800 e os 1.500 euros.

Porén, a maior parte das persoas que están a cursar as súas respectivas solicitudes quedarán sen axuda —perto de 100.000 nestes momentos— , e só a recibirán as máis madrugadoras, dado que se conceden por orde de recepción, sen importar calquera outro criterio.

"En aplicación dos principios de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións da Galiza, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras", recolle o Diario Oficial da Galiza (DOG).

O prazo abriu esta mesma segunda feira e fechará o 9 de febreiro, se ben para entón non quedará 'pastel' que repartir. Máis unha vez, o portal habilitado pola Xunta para este tipo de trámites colapsou e deixou autónomos e autónomas á cola con milleiros de persoas por diante e un tempo de espera de varias horas.

O decurso deste procedemento e a ausencia de criterios claros para a concesión desta liña de subvencións está a suscitar numerosas críticas por parte deste colectivo.

Comentarios