O carbón volve a Endesa, máis de un ano despois

Un buque con 20.000 toneladas para a térmica arriba hoxe a Ferrol.

A central térmica de Meirana, en Cerceda, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Servizo Ilustrado / Europa Press)
photo_camera A central térmica de Meirana, en Cerceda, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Servizo Ilustrado / Europa Press)

O primeiro barco con carbón destinado á produción enerxética na central térmica de Endesa nas Pontes ten previsto atracar esta quinta feira no porto exterior de Ferrol, onde a compañía eléctrica conta cunha terminal de descarga.  O buque saíu de EUA e ten previsto  desestibar unhas 20.000 toneladas de carbón. Así pois, case dous anos despois, o carbón volve ás Pontes e co retorno, puntual, á actividade da térmica como finalidade.

Os altos prezos da enerxía nos mercados internacionais están a provocar unha situación nunca antes vista. O gas natural é o protagonista desta escalada.

Porén, os altos prezos da enerxía e a dependencia do gas fronte as renovábeis, non son as únicas cuestións que preocupan. A chegada do outono, coa conseguinte redución das temperaturas e das horas de radiación solar, traerá consigo un aumento da demanda por parte dos fogares. 

Ante esta situación, as eléctricas empezan a prepararse para atender esta crecente demanda, que podería levar a botar man de tecnoloxías até o de agora nun segundo plano. É o caso da térmica a partir de carbón, un recurso do que só poden botar man as centrais cuxo feche aínda non foi autorizado polo Goberno español, como sucede coa das Pontes. 

Fontes de Endesa confirmaban hai unhas semanas a Nós Diario que a central está operativa, ten persoal e ten carbón, polo que "cando considere o operador do sistema, estará en condicións de xerar". 

Central dispoñíbel

A central térmica de carbón das Pontes funciona desde o 1 de xullo, en situación de dispoñibilidade para o sistema eléctrico, o que supón que non está desconectada da rede, mais só chegará a funcionar no caso de que o xestor da rede ─Red Eléctrica─ así o requira.

Para este novo escenario de "dispoñibilidade", Endesa só conta cun dos seus catro ciclos operativos, o que se traduce nunha importante redución de persoal, tanto na principal como nas auxiliares.

Neste senso, o secretario de Enerxía da federación de Industria da CIG, Fernando Branco, incide en que a posta en marcha das Pontes responde "un tema de garantía de garantía de subministro; non afecta ao prezo do megawatt". 

Comentarios