venres 03/12/21

O persoal transportista das Pontes mantén o bloqueo pese a achegar posturas con Endesa

Agardarán a ter os compromisos por escrito, pero insisten en que o que precisan é traballar xa.
Os transportistas bloquean o acceso a central térmica das Pontes (Foto: Europa Press).
Os transportistas bloquean o acceso a central térmica das Pontes (Foto: Europa Press).

Endesa e o grupo de transportistas, que desde o pasado 4 de marzo bloquea os accesos ao complexo industrial da eléctrica nas Pontes, achegaron posturas esta segunda feira na xuntanza telemática que mantiveron xunto a persoal traballador das auxiliares, aos sindicatos ─CIG, UXT e CCOO─ e a representantes das administracións local e galega.

Pese a eses avances nas conversas, nas que se tratou por primeira vez a posibilidade de estudar unha "axuda" para compensar a perda de carga de traballo para este colectivo polo feche da central, as e os transportistas non teñen pensado levantar o bloqueo dos accesos á central.

Segundo explica a Nós Diario o presidente da Asociación de Transportistas do Carbón das Pontes (ATCAP), 'Cholo' Bouza, "os fechamentos van seguir até que isto teña unha solución". Tan só se deixa acceder ao complexo ás persoas que cumpren os servizos mínimos esenciais ─tres na de gas e cinco na térmica─. "Quedaron en que habería un borrador antes de mañá [por hoxe] explicando o que nos ofrecen. Despois veremos se seguimos aquí ou non. Pero logo do que escoitei, non creo que as e os camioneiros se vaian levantar", apuntou o representante do persoal transportista que, por outra banda, destacou que "o feito de que se aveñan a negociar cousas xa é importante". 

Dous anos parados

Outro dos aspectos que valorou Bouza é o feito de que Endesa estea disposta a dar un trato preferente a este colectivo de traballadores en labores da empresa que requiran transporte, como poden ser o transporte de pezas para os novos parques eólicos ou para aos labores de desmantelamento da central que, como adiantou a compañía, van supor a xeración de 260.000 toneladas de residuos que haberá que mover. 

"A pregunta é cando?", insiste o representante dos transportistas. "Queremos traballar. Hai xente que fixo modificacións nos camións, nas plataformas, e que aínda debe cen mil euros, ou oitenta mil euros, ao banco. O que a xente quere é que cumpran o que prometeron: unha transición xusta, pero isto máis ben é unha transición do garrotazo, dar a un na cabeza e dicir 'aquí sobras, vaite', que é o que fixeron até agora", denuncia Bouza. 

Na súa opinión, Endesa ten capacidade para pór a producir a planta "mañá mesmo se quere". "Sabe como facelo", en referencia ao mix de lodos e carbón que estivo a probar nos últimos meses. Deste modo, as e os transportistas terían traballo até que Endesa concretase os novos proxectos.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

"Conseguimos sentar nesta mesa a empresa grazas á presión que realizamos", valorou. Por iso "imos continuar cos camións ás entradas, agardando por ese documento que quedaron de trasladarnos". "Se non hai certeza de algo, os camións van seguir aquí", advertiu.

Terminal portuaria

O cese da actividade da central térmica de carbón das Pontes leva aparellada a fin da dependencia do carbón, un mineral que os transportistas carrexaban desde o porto de Ferrol á planta de xeración de Endesa. Catro millóns de toneladas que vai deixar de mover o porto ferrolán, pero que non necesariamente van implicar unha caída dos tráficos.

Neste senso, Endesa vén de iniciar a tramitación para transformar a súa terminal portuaria de carbón nunha de mercadorías que seguirá operada pola propia compañía eléctrica. Este cambio abre tamén novas posibilidades para o porto, que gaña máis superficie para operar con outros tráficos, dos que tamén se poderían beneficiar os transportistas que até agora se encargaban do carbón, se ben non para a totalidade, para unha boa parte deles. 

O persoal transportista das Pontes mantén o bloqueo pese a achegar posturas con Endesa
comentarios