mércores 20/10/21

Endesa prepárase para reactivar a térmica das Pontes ante o aumento da demanda

A central das Pontes podería volver activar un dos seus grupos para garantir o subministro de enerxía
Vista da central térmica das Pontes
Vista da central térmica das Pontes

Os altos prezos da enerxía nos mercados internacionais están a provocar unha situación nunca antes vista. O gas natural é o protagonista desta escalada. De feito, en só dous días o seu prezo disparouse máis de 50%, pois de non superar os 100 euros por megawatt hora (MWh) pasou aos 145 de onte. 

Porén, os altos prezos da enerxía e a dependencia do gas fronte as renovábeis, non son as únicas cuestións que preocupan. A chegada do outono, coa conseguinte redución das temperaturas e das horas de radiación solar, traerá consigo un aumento da demanda por parte dos fogares. 

Ante esta situación, as eléctricas empezan a prepararse para atender esta crecente demanda, que podería levar a botar man de tecnoloxías até o de agora nun segundo plano. 

É o caso da térmica a partir de carbón, un recurso do que só poden botar man as centrais cuxo feche aínda non foi autorizado polo Goberno español, como sucede coa das Pontes

Fontes de Endesa confirman a Nós Diario que a central está operativa, ten persoal e ten carbón, polo que "cando considere o operador do sistema, estará en condicións de xerar". 

Nesta liña, indican que Endesa "está a considerar todas as posibilidades ante un inverno cru e os cambios no mercado internacional do gas", ao tempo que apuntan que "se se dá o caso de que nalgún momento entre [no sistema], entrará", pois a central está "operativa a todos os efectos". 

Central dispoñíbel

A central térmica de carbón das Pontes funciona desde o 1 de xullo, en situación de dispoñibilidade para o sistema eléctrico, o que supón que non está desconectada da rede, mais só chegará a funcionar no caso de que o xestor da rede ─Red Eléctrica─ así o requira.

Para este novo escenario de "dispoñibilidade", Endesa só conta cun dos seus catro ciclos operativos, o que se traduce nunha importante redución de persoal, tanto na principal como nas auxiliares.

Neste senso, o secretario de Enerxía da federación de Industria da CIG, Fernando Branco, incide en que a posta en marcha das Pontes responde "un tema de garantía de garantía de subministro; non afecta ao prezo do megawatt". 

"Producir agora mesmo con carbón, tal como está o mercado internacional e os dereitos de emisión, é moi caro", destaca Branco, que lembra que "cando Endesa anunciou que fechaba a central, en 2019, o prezo da CO2 estaba a 25 euros a tonelada e hoxe está a 62".

Porén, advirte que ante o risco de que se paralice o subministro de gas desde o gasoduto do Magreb, é normal que se pida ás centrais en dispoñibilidade que fagan acopio de carbón por se é preciso arrancar. 

Segundo os datos que manexa, nas Pontes hai entre 40.000 e 45.000 toneladas de carbón. "É pouco. Non chega para moito", apunta. O mesmo acontece co persoal, xa que os traslados realizados nos últimos meses levarán Endesa a "facer movementos de persoal para poder atender os grupos", sinala Branco.

Sobre a entrada en operación, afirma que é "unha posibilidade certa, na medida en que o que está a pasar co gas no mundo".

comentarios