O traballo forzoso xera uns beneficios de 220.000 millóns de euros anuais, 37% máis que hai 10 anos

Despois da explotación sexual comercial forzada, o sector con maiores beneficios ilegais anuais do traballo forzado é a industria, seguido dos servizos, a agricultura e o traballo doméstico.
traballo forzoso foto OIT
photo_camera (Foto: OIT)

O traballo forzoso na economía privada xera 220.000 millóns de euros en beneficios ilegais ao ano, segundo un informe da Organización Internacional do Traballo (OIT).

O monto total das ganancias ilegais do traballo forzoso aumentaron en 64.000 millóns de dólares (37%) desde 2014, un aumento ·dramático", cualifivca a OIT, que foi alimentado tanto por un crecemento no número de persoas obrigadas a traballar, como por maiores ganancias xeradas pola explotación das vítimas.

O informe da OIT Profits and Poverty: The economics of forced labour  (Ganancias e Pobreza: Aspectos Económicos do Traballo Forzoso)' estima que os traficantes e delincuentes xeran perto de 10.000 dólares por vítima, fronte aos 8.269 dólares (axustados á inflación) de hai unha década.

O total anual de beneficios ilegais do traballo forzoso é maior en Europa e Asia Central (84.000 millóns de dólares), seguidas de Asia e o Pacífico (62.000 millóns de dólares), América (52.000 millóns), África (20.000 millóns de dólares) e os Estados Árabes (18.000 millóns de dólares).

Cando os beneficios ilegais exprésanse por vítima, os beneficios ilegais anuais son maiores en Europa e Asia Central, seguidos dos Estados Árabes, América, África e Asia e o Pacífico.

A explotación sexual comercial forzada representa máis de dous terzos (73%) dos beneficios ilegais totais, a pesar de que só supón 27% do número total de vítimas do traballo imposto por particulares.

Estas cifras explícanse pola enorme diferenza de beneficios por vítima entre a explotación sexual comercial forzada e outras formas de explotación laboral forzada non estatal: 27.252 dólares de beneficios por vítima para a primeira fronte a 3.687 dólares de beneficios por vítima para a segunda.

Despois da explotación sexual comercial forzada, o sector con maiores beneficios ilegais anuais do traballo forzado é a industria, con 35.000 millóns de dólares, seguido dos servizos (20.800 millóns), a agricultura (5.000 millóns) e o traballo doméstico (2.600 millóns). 

Estes beneficios ilegais son os salarios que lexitimamente pertencen aos petos do traballadores mais que, en cambio, quedan en mans dos seus explotadores, como resultado das súas prácticas coercitivas.

En 2021 había 27,6 millóns de persoas sometidas a traballo forzoso nun día calquera. Esta cifra tradúcese en 3,5 persoas por cada mil habitantes no mundo. Entre 2016 e 2021 o número de persoas en traballo forzoso aumentou en 2,7 millóns.

"As persoas en situación de traballo forzoso están sometidas a múltiples formas de coacción, sendo a retención deliberada e sistemática do salario una das máis comúns. O traballo forzoso perpetúa os ciclos de pobreza e explotación e atenta contra o corazón da dignidade humana. Agora sabemos que a situación non fixo máis que empeorar. A comunidade internacional debe unirse urxentemente para tomar medidas que poñan fin a esta inxustiza, salvagarden os dereitos dos traballadores e defendan os principios de xustiza e igualdade para todos", declarou o director xeral da OIT, Gilbert F. Houngbo.

O informe subliña a urxente necesidade de investir en medidas coercitivas para deter os fluxos de beneficios ilegais e esixir responsabilidades aos seus autores. Recomenda reforzar os marcos xurídicos, impartir formación aos funcionarios encargados de facer cumprir a lei, ampliar a inspección laboral aos sectores de alto risco e mellorar a coordinación entre a aplicación da lexislación laboral e penal.

Con todo, non se pode acabar co traballo forzoso só con medidas de aplicación da lei, senón que estas deben formar parte dun enfoque integral que dea prioridade a abordar as causas profundas e a protexer ás vítimas, subliña o informe.

Comentarios