Os traballadores de Alcoa acordan retomar as mobilizacións en Cervo

Os traballadores da planta de Alcoa en Cervo acordan aumentar a presión sobre a multinacional e o Goberno español para que se materialice a venda da factoría de aluminio. 
EuropaPress_3378735_trabajador_sostiene_bengala_nueva_manifestacion_convocada_comite_alcoa
photo_camera EuropaPress_3378735_trabajador_sostiene_bengala_nueva_manifestacion_convocada_comite_alcoa

O cadro de persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo) finalmente acordou hoxe retomar as mobilizacións e "moi pronto" decidirá se volven de novo á folga.

"É fundamental que sigamos demostrando que temos esa forza porque se non van pasar de nós", avisou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, pedindo aumentar a presión para que se materialice a venda da factoría da Mariña.

O comité tomou esta medida após reunirse con representantes de Alcoa para analizar a carta remitida polo Ministerio de Industria en relación ao proceso de venda no que, segundo denuncia, "non confirma nin aclara" o papel da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) nunha potencial venda "e desvíase do proceso que propuxeramos levar a cabo desde principios deste ano", engaden fontes da multinacional. 

A SEPI segue a ser chave

O comité está chamado a unha nova asemblea o próximo 18 de maio para decidir os seus próximos pasos.

Pola súa banda, o seu presidente incide na necesidade de avanzar na negociación, de tal maneira que Alcoa chegue a un acordo co comprador e que a SEPI garanta a operación e faga esa "triangulación".

Neste senso, Zan remarca que a venda á SEPI, previa á venda ao comprador final, é a "garantía" de que se complete a operación. "A única saída que hai a todo isto é que sexa a SEPI quen garanta esta venda. Non podemos permitir que nos pase como A Coruña e Avilés", advirte en alusión a Alu Ibérica.

Por iso, segundo acordaron na reunión desta sexta feira, a partir de agora o persoal traballador da planta de aluminio de San Cibrao comezará cun calendario de mobilizacións "moi puntuais", no que espera conseguir o "máximo apoio" de toda a comarca. "Hai que seguir loitando", sentencia o responsábel sindical.

Comentarios