domingo 09/05/21

Alcoa retira a clausula sobre responsabilidades e deixa a venda en mans do Goberno español

Alcoa recupera a senda de setembro de 2020 e anuncia, nunha reunión co comité, sindicatos e Xunta, que retira a clausula de indemnidade. A ausencia nesa xuntanza do Goberno español deixa aberta a incógnita da súa resposta que dará nunha reunión no serán desta mesma quinta feira nun encontro telemático, sen a multinacional.  
Persoal de Alcoa San Cibrao celebra a anulación do ERE da empresa o pasado 17 de decembro de 2020 (Carlos Castro / Europa Press).
Persoal de Alcoa San Cibrao celebra a anulación do ERE da empresa o pasado 17 de decembro de 2020 (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A poucas horas de expirar o prazo que se deron Alcoa e o comité de empresa para chegar a un acordo sobre a venda da factoría que a multinacional ten en San Cibrao (Cervo), a negociación virou cara á volta da situación que tiña no mes de setembro cando se estivo perto de chegar a un acordo que facilitara a adquisición das instalacións por parte de Liberty.

Nunha xuntanza telemática convocada por Alcoa, na que non participou nin Goberno español nin o conselleiro de Industria, a empresa transmitiulle ao comité e sindicatos que está "está disposta a aceptar unha nova redacción da cláusula de limitación de responsabilidades", a mesma "que non foi rexeitada polo Goberno" español.

Nun comunicado sobre o tratado na xuntanza, a multinacional engade que se a dificultade que impide á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) avanzar se debe a considerar outros compradores, "Alcoa estaría disposta a traballar con outros actores interesados na adquisición da planta de aluminio, sempre que sexa SEPI quen adquira en primeiro lugar a súa titularidade para a súa posterior venda a un terceiro". En tal caso, Alcoa comprométese "a manter ao Goberno e a SEPI periodicamente informados dos avances nas devanditas interaccións cos interesados". 

A función da SEPI para o comité de empresa

Desde o comité lamentan que na mesa "non estivo o Goberno”, en relación ao interlocutor responsábel do Ministerio de Industria, “e non puido contestar a varias preguntas". José Antonio Zan, o seu presidente, celebrou que a multinacional fixera "o que pediamos". Para este sindicalista que a proposta de Alcoa "pode ser un desbloqueo bastante rápido da situación" e agora debería ser o propio Goberno español quen "debe darlle viabilidade canto antes para evitar que haxa que ir a maiores". Para Zan “ten que ser a SEPI quen compre a planta e despois transferila", algo que representaría unha "garantía" para que a factoría "teña viabilidade". 

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, sinala a Nós Diario que agora "estamos á espera do que diga o Goberno español que non pode seguir dilatando unha solución de compra pola SEPI na procura do comprador idóneo, non pode estar atrancando a solución". Para a central nacionalista a situación está "como o principio de asinar a paz social" mais "co aluminio acumulado durante a folga vendido" e "esperando qye no prazo de 24 horas o Goberno dea a resposta que non deu en tres meses". 

Por parte de UXT, o seu delegado en Alcoa, Constantino Arias, agradece o paso que deu a multinacional ao mudar a súa proposta de indemnidade "despois de todo o que pasou en Avilés e A Coruña" e non querer "que se ao comprador as cousas lle van mal dentro dun ano lle reclamen". A opción pola que aposta é a "da triangulación na que Alcoa vendía á SEPI e despois esta venda a Liberty" mais asegura que se non é así "teríamos que falar os tres sindicatos e no caso de que o Goberno español continúe coa súa postura convocaríase a folga a partir do día 30 e poucos días despois volveríamos a parar". 

Xunta, BNG e PSdeG

A Xunta, presente na xuntanza a través da directora xeral de Planificación Enerxética, Paula Uría, defende "a necesidade de volver á senda do diálogo" cunha "solución" que pasa por que o Goberno español "responda á proposta presentada por Alcoa”.

Pola factoría da Mariña, horas antes da reunión, pasaban o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. Ambos transmitiron o seu apoio na demanda de viabilidade da fábrica. O nacionalista deu conta de que o 11 de maio debaterase na comisión de industria unha proposta do Bloque que insiste na necesidade de que haxa unha intervención pública de Alcoa se previamente non hai unha saída negociada.

comentarios