A SEPI bórrase da negociación con Alcoa e racha a paz social en San Cibrao

O Ministerio de Industria di que Alcoa ten que negociar con outras empresas "sen necesidade de transmisións intermedias".
O persoal de Alcoa está convocado esta segunda feira a unha asemblea na que decidirán se retoman as mobilizacións (Foto: CIG).
photo_camera O persoal de Alcoa está convocado esta segunda feira a unha asemblea na que decidirán se retoman as mobilizacións (Foto: CIG).

Ás 00.00 horas de mañá expirará o prazo marcado no acordo entre o comité de empresa de Alcoa San Cibrao e a multinacional norteamericana para a venda da planta de aluminio primario de Cervo, o que na práctica se traduce na fin da paz social comprometida por parte dos traballadores e traballadoras da factoría. 

De pouco serviu a última xuntanza, decorrida a pasada quinta feira, na que Alcoa manifestou a súa disposición a retirar a cláusula de indemnidade e retornar á postura que mantiña o pasado mes de setembro en relación á venda. Salvo por unha excepción: o Goberno español deixou máis clara que nunca a súa postura respecto a este proceso.

Desde o 4 de febreiro obra en poder da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) un documento remitido por Alcoa cos termos da venda que aínda non obtivera resposta por parte do organismo público. Mais hoxe, a través dun comunicado, a Secretaría Xeral de Industria afirmaba que estes puntos "deberán ser valorados por Alcoa nos contactos que manteñan bilateralmente" con outras empresas "sen necesidade de transmisións intermedias", en alusión ao seu papel. 

Tres meses perdidos

Durante tres meses, a SEPI, que mesmo modificou a súa directiva en pleno proceso de negociación co nomeamento de Belén Gualda como presidenta, non avanzou na adquisición da planta de aluminio primario de Cervo, a única do Estado español.

Alcoa, que lla ofrece polo prezo simbólico dun euro, quere que o organismo estatal sexa parte activa no proceso e asuma a titularidade da planta, eximíndoo, iso si, de responsabilidades futuras sobre a súa actividade. 

Pero o Goberno español, que non acudiu á última xuntanza, só quere ser propietaria das instalacións o tempo que se tarde en formalizar o acordo cun terceiro, misión que lle encomenda agora a Alcoa. "Non hai motivo algún para dilatar estes contactos dado que conta co consenso do comité de empresa, as federacións sindicais e o apoio das administracións", apuntan desde o Ministerio.

Pola súa banda, no comité de empresa mantíñanse esperanzados de que o Goberno español decidise mover ficha. En declaracións a Nós Diario, o seu presidente, José Antonio Zan, recoñecía que estaban pendentes de coñecer os plans de Industria para "meter a SEPI nas negociacións". En concreto, contaba cunha resposta á proposta de Alcoa á SEPI, "que era a mesma que aceptou en setembro", lembrou, "polo cal non cremos que o Goberno vaia fallar agora mesmo aos traballadores". 

No caso de non obter resposta ─realmente o Ministerio pásalle a pelota ao comprador final─, Zan cre que "tería que dimitir a Ministra, porque fartouse a dicir por activa e por pasiva que interviría a empresa, que só facía falta que Alcoa quixera vender,  mais agora que quere vender só faltaría que dixera que non quere saber nada do tema".

"Se non hai ningunha novidade, nós tiñamos unha folga que estaba suspendida até o día de hoxe, e se non hai ningunha novidade, se o Ministerio segue sen dar sinais de vida e aquí non hai acordo ningún, pois volveremos entón á folga", advertiu Zan.

Asemblea de traballadores

Esa decisión vaise tomar a primeira hora desta segunda feira, 3 de maio, xa que os traballadores e traballadoras de Alcoa en San Cibrao están convocadas a unha asemblea na que, á vista dos movementos do Ministerio de Industria, decidirán se retoman a folga, suspendida o pasado mes de xaneiro, e con ela as mobilizacións para exixir un futuro industrial para a planta da Mariña

O acordo asinado no seu día coa multinacional americana recollía o compromiso do comité e do persoal de Cervo de suspender a folga até o 30 de abril, após acceder Alcoa sentarse a negociar novamente a venda da planta coa SEPI. Porén, esa paz social só afectaba á parte dos traballadores, pois Alcoa non retirou o recurso no Supremo contra a decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que anulaba o despedimento colectivo proposto pola multinacional contra 524 traballadores.

Comentarios