As traballadoras de Cuca exixen devolver a produción á factoría de Vilaxoán

Cunha concentración o 12 de abril demandarán o cumprimento da sentenza xudicial que obriga á empresa titular da conseveira a recuperar a produción en Vilaxoán. 

conservas Cuca
photo_camera conservas Cuca

Após dous meses da sentenza xudicial que obriga a Garavilla --empresa basca titular da conserveira Cuca-- a reanudar a produción da factoría de Vilaxoán, as traballadoras volverán saír á rúa para exixiren o seu cumprimento. Até o momento, Garavilla non executou a decisión adoptada polo Xulgado do Social de Pontevedra e continúa a obrigar as operarias a se desprazaren até O Grove. 

Desde o grupo parlamentar do BNG e de AGE amosaron o seu apoio ás traballadoras en senllas reunións desenvolvidas o 24 de marzo no Pazo do Hórreo. Ambas as dúas forzas apoiaron as demandas das operarias que, asemade, deben ser contratadas nas condicións laborais anteriores ao fechamento da planta de Vilaxoán. 

A sentenza xudicial obriga a Garavilla a recuperar a actividade na planta de Vilaxoán mais a empresa basca aínda non executou a decisión

Desprazarse até O Grove para traballar

Así, as traballadoras da conserveira concentraranse o 12 de abril en Vilagarcía de Arousa para exixiren o cumprimento da sentenza xudicial que lles deu a razón e que obriga á dirección de Garavilla a re-iniciar a actividade na factoría de Vilaxoán. A execución da decisión xudicial racharía coa actual política da empresa que orbiga a perto de 80 traballadoras a se desprazaren até O Grove cada día para traballaren na outra planta propiedade da empresa basca. 

As razóns argüídas naquela altura pola entidade apuntaban razóns de "rendibilidade empresarial" para xustificaren o fechamento de cuca en Vilaxoán. No entanto para a xustiza estes argumentos non se axustan a dereito. 

Comentarios