Cuca continuará en Vilaxoán por orde xudicial

O TSXG fixo pública a súa sentenza no conflito entre a conserveira e as traballadoras da planta de Vilaxoán. O tribunal obriga a Garavilla --empresa propietaria da factoría-- a manter a actividade da planta e revoga o seu traslado a O Grove como pretendía a conserveira basca.

conservas Cuca
photo_camera conservas Cuca

Após meses de protestas e recursos xudiciais, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza emitiu sentenza sobre o conflito aberto entre as traballadoras da factoría Cuca situada en Vilaxoán e a conserveira basca Garabilla. O tribunal resolveu esta terza feira o recurso presentado pola empresa basca e ratifica a decisión adoptada hai sete meses polo Xulgado do Social de Pontevedra. 

No seu ditame, o TSXG obriga a Garavilla a re-iniciar a actividade de Cuca na planta situada en Vilaxoán o que permitirá ás traballadoras da conserveira recuperaren os seus postos de traballo nas "mesmas condicións laborais", sinala o texto. Desta maneira, a máxima instancia xudicial de Galiza revoga o traslado de Cuca a O Grove, como demandaba Garavilla.

A conserveira basca atribuía a súa decisión ao carácter "obsoleto" da maquinaria e o modelo produtivo de Cuca xustificando en termos de "rendibilidade empresarial" o agrupamento das dúas factorías do sul da Galiza en O Grove. Argumentos non axustados a dereito segundo a xustiza para amparar o traslado dunha parte do plantel. 

Cumpre lembrar que a decisión de Garavilla de trasladar as instalacións supuxo a destrución de 69 postos de traballo. 

Embora a sentenza sexa de "obrigado cumprimento" para a empresa titular da conserveira, a dirección de Garavilla instou ás traballadoras a negociar e mesmo lles asegurou que a planta de Vilaxoán non existe e fica como "un solar". Desde o comité de empresa advirten que levan "moitos meses loitando" e aseguran que "seguiremos" até que se execute a orde xudicial.

Comentarios