Sobe o desemprego interanual en 18.999 persoas, das que 57,1% son mulleres

As mulleres son as máis prexudicadas. Entre elas as que teñen unha peor situación son as máis mozas (Arxina)
Febreiro confirma os malos datos de desemprego e o aumento deste entre as mulleres e a mocidade. Ademais, seguen a medrar os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE). Desde a CIG, CCOO e UXT lembran a necesidade de mobilizarse, implementar un plan de reconstrución económica e derrogar as reformas laborais.

Os datos do desemprego rexistrado, publicados onte polo Ministerio de Traballo e Economía Social, apuntan a unha caída de 756 persoas (-0,41%), unha baixada menor do habitual, deixando a cifra de persoas sen traballo na Galiza en 185.228, 18.999 máis (+11,43%) que en febreiro de 2020. A afiliación na media mensual sobe en 1.692 persoas (0,17%), cifra moi similar á dos últimos días do mes (+1.213 persoas). 

Análise por sexos e contratación

As cifras indican que o paro medra entre as mulleres (503 desempregadas máis), mentres que se reduce entre os homes (-1.259 desempregados menos). As mulleres supoñen xa un 57,1% do desemprego galego, medio punto máis que no mes de xaneiro. O desemprego redúcese menos entre as persoas máis mozas (-135 persoas) que entre as maiores (-621 desempregadas). Por sectores, o desemprego baixa no primario (-193) e na construción (-449), medrando na industria (+158) e nos servizos (+266).

En relación á contratación, xaneiro deixou na Galiza 49.174 contratos, dos cales 43.541 (88,54%) foron temporais. En termos mensuais, a contratación cae nun 18,7%, mentres que nos anuais é dun 32,1%. 

Aumentan os ERTE

O mes de febreiro rematou con 46.665 persoas cun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), o que supón 15.357 máis que o último día de xaneiro, un incremento de case 50%, segundo os datos que publicou nesta terza feira o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Deles, 19.012 son homes e 27.653 son mulleres. Se se toma como referencia a cifra media, e non a do último día do mes, deixa 47.207 persoas en ERTE na Galiza en febreiro, neste caso 17.468 persoas máis que a media de xaneiro (29.739), cunha alza media de 58,7%. 

Mobilizacións e derrogar das reformas

"A maior precariedade e temporalidade que padecían as mulleres propiciou que foran as primeiras en ser despedidas ao inicio da pandemia e o feito de que as maiores perdas de emprego se deran no sector servizos, e nomeadamente nas actividades máis feminizadas, como a hostalería, empeorou a situación", analizan desde a CIG. Diante desta situación o secretario confederal de Emprego da central sindical nacionalista, Fran Cartelle, entende que "é necesario mobilizarse" e advirte que "nestes datos non están computadas as traballadoras que continúan en ERTE, que poderían pasar a ser ERE despois". Por iso reitera un chamamento á folga de mulleres e ás mobilizacións convocadas para o 8 de marzo.

Desde CCOO apuntan que estas cifras revelan unha "importante crise" do mercado laboral galego que, "non se debe exclusivamente á Covid-19". Segundo a secretaria de Emprego deste sindicato, Maica Bouza, "a situación sería aínda máis grave se non dispuxésemos dese escudo para o mantemento do emprego que son os ERTE". Para CCOO, a Xunta "xa vai tarde" á hora de implementar un plan de reconstrución económica e social, consensuado coas forzas políticas e cos axentes sociais para estimular a actividade e o emprego. Ás portas do 8-M, denuncia que as mulleres seguen tendo unha "peor situación" que os homes no mercado laboral. 

Para UXT, os datos de desemprego "reflicten que a pandemia está a agravar en xeral a situación económica e laboral de todo o país pero, no caso das mulleres, vense aínda máis prexudicadas". Nun comunicado sinalan que "é necesario acelerar o proceso de vacinación e seguir mantendo os ERTE". Para este sindicato "a mellor noticia para o 8 de marzo, Día internacional da Muller, sería que o Goberno español cumpra os seus compromisos e derrogue a reforma laboral de 2012" asegurando que "a recuperación non pode asentarse na precariedade".