Jaime Pereira e Josefina Piñón serán galardoados polo 10 de marzo

Os premios polo Día da Clase Obreira Galega de CCOO recaerán en Jaime Pereira e Josefina Piñón, tamén recoñecen a escritora Almudena Grandes.
Manifestación de Alcoa (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Manifestación de Alcoa (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O sindicato Comisións Obreiras (CCOO) e a Fundación 10 de Marzo entregan cada ano os premios polo Día da Clase Obreira Galega cos que recoñecen traxectorias vitais de compromiso coa clase traballadora e coa loita polas liberdades. 

Este ano, na súa trixésima edición, serán premiados Jaime Pereira, Josefina Piñón e, a título póstumo, a madrileña Almudena Grandes, falecida hai tres meses.

A entrega dos galardóns será o 5 de marzo nun acto que terá lugar no Hotel Porta do Camiño, en Santiago de Compostela.

Case un cento de persoas, entre convidados institucionais, membros e simpatizantes de CCOO, amizades e familiares dos premiados arrouparán a Pereira, Piñón e unha representación da familia de Grandes.

Jaime Pereira é un sindicalista vigués que comezou a súa vida laboral en Vulcano con 18 anos. Foi activo militante do Partido Comunista na época na que foron asasinados os traballadores de Bazán Amador Rey e Daniel Niebla polas forzas represoras do réxime franquista.

Josefina Piñón foi unha das primeiras integrantes ferrolás do Movemento Democrático de Mulleres. Prestou a súa axuda na recollida de víveres para o persoal laboral nas folgas de Peninsular Maderera e Megasa. Aos seus 83 anos, segue acudindo a protestas.

Pola súa parte, a escritora Almudena Grandes, de quen se destaca o seu compromiso social, obtivo recoñecementos como o Premio de Narrativa que outorga o Ministerio de Cultura en 2016 ou o Premio Rosalía de Castro do Centro Pen Galiza en 2018. Ademais, varias das súas obras foron levadas ao cinema. 

Na edición de 2021 os galardóns 10 de marzo de CCOO recaeron na ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e os sindicalistas Xosé Gómez e Ángel Camellese.

Comentarios