A segunda xornada de folga no Sabadell en contra do ERE deixa o 80% das oficinas fechadas

A CIG denuncia o nesgo de xénero na proposta de expediente da entidade bancaria, que deixaría na rúa a moitas mulleres, e reitera que o Expediente de Regulación de Emprego é innecesario.
Manifestación das traballadoras e traballadores do Banco Sabadell, onte en Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Manifestación das traballadoras e traballadores do Banco Sabadell, hoxe en Compostela. (Foto: Arxina)

A segunda xornada de folga no Banco Sabadell esta sexta feira provocou o feche do 80% das oficinas, tras secundar a folga o 85% das traballadoras e traballadores na Galiza, que reclaman a paralización do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) proposto pola dirección da empresa, que deixaría 88 persoas na rúa e acabaría con 31 sucursais do banco.

Compostela acolleu a manifestación no país, que deu inicio ás 11.30 na oficina da rúa do Hórreo e rematou na praza da Galiza.

A nivel estatal, quedaría sen traballo arredor do 13% do cadro de persoal, a pesar da lixeira rebaixa ofrecida a quinta feira pola entidade bancaria, que ofreceu 1.605 saídas co gallo do ERE, 125 menos que na anterior proposta.

Estas novas condicións continúan a ser “inaceptábeis”, sinalaron as forzas sindicais, polo que mantiveron a convocatoria de mobilizacións. Isto xerou que tres de cada catro oficinas do Sabadell non abriran as súas portas, cun seguimento no Estado do 80% por parte do persoal.

O efecto do paro foi dispar entre territorios, pasando do 55% de traballadores en folga en Andalucía, co 46% das sucursais fechadas, ao 90% en Murcia, tanto de persoal que non asistiu ao seu posto de traballo como de locais que non foron quen de abrir.

Negociacións coa entidade

Os medios estatais adiantan que CCOO solicitou á dirección do Sabadell que diminuíra o número de afectados polo ERE a 1.300 persoas, cifra coa que podería asinar un acordo.

Porén, o secretario da sección sindical da Confederación Intersindical Galega (CIG), Andrés Río, mantén que o ERE é inxustificado e que non melloraron “as condicións económicas nin os tramos por idade de saída”.

Os despedimentos, reitera, “non son necesarios e así llo trasladamos á empresa”, que tampouco aceptou as “alternativas de recolocacióndo persoal, deixando en evidencia que non é preciso fechar tantas oficinas”, mais “o banco está coa idea fixa: ERE si ou si”, sentencia.

Un ERE con nesgo de xénero

Río indica que máis do 80% do persoal que estaría afectado polo ERE corresponde a servizos administrativos, o departamento no que hai máis mulleres, co que apunta a un nesgo de xénero no expediente pola negativa do Sabadell a ter en conta as reducións de xornada e excedencias, ás que se acollen maioritariamente as traballadoras.

A única meta do Sabadell, asegurou, “é repartir un dividendo do 30% do beneficio ao seus accionistas”, como afirmou nos medios de comunicación César González-Bueno, conselleiro delegado da empresa.

Comentarios