Críticas á Xunta por non comprometer as axudas ás empresas a manter o emprego

O Goberno galego descarta introducir unha cláusula no III Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas afectadas pola crise da Covid-19 que obrigue a manter o emprego. CIG, CCOO e UXT cren negativa esta decisión.
A empresa de Finsa (Finsa)
photo_camera A empresa de Finsa (Foto: Finsa)

O borrador do III Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas afectadas pola crise da Covid-19 mediante axudas directas, ao que tivo acceso Nós Diario, prescinde da cláusula de mantemento de emprego. O texto chegou ao Consello galego de relacións laborais, onde se tratará a vindeira segunda feira. 

Segundo a proposta que presenta a Xunta para recibir estas axudas, as empresas deberán manter a actividade até o 30 de xuño de 2022, non repartir dividendos durante os anos 2021 e 2022 e non aprobar incrementos nas retribucións da alta dirección durante un período de dous anos. Os sindicatos xa amosaron a súa desconformidade con esta proposta. 

Ao secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Paco González Sío, esta situación non lle parece nova. “Cando se asinaron os ERTE moita xente quedou fóra e agora cando se convertan en expedientes de regulación de emprego (ERE) as empresas recibirán igual eses cartos”. Critica que “o que parecían unhas medidas estupendas en realidade non o son”, polo que considera que “os gobernos español e galego están a defraudar”. Todo cando, segundo este sindicalista, “a crise non acaba máis que comezar” e é “moi perigoso na axenda na que estamos, en que se aposta todo ao diñeiro que vai vir de Europa”.

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO, asegura que “seguimos defendendo os mesmos criterios que defendemos coa negociación dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), como é o mantemento de actividade e o compromiso de continuidade do emprego”.  Considera que, o que di agora a Administración galega, son “escusas de mal pagador” cando afirman que non figura no Real Decreto e, xa que logo, “non poden polo”. 

Lembra que nel “tampouco se fala dun conxunto de actividades nin como graduar as axudas e eles si que o contemplan”. Esta sindicalista cre difícil que se modifique este punto por estar a norma prevista para ditaminar o vindeiro 31 de maio “e seguirá os procedementos consultivos internos até que chegue ao Consello da Xunta”, aínda así “non é infrecuente que haxa cambios”. 

Desde UXT, o seu secretario xeral na Galiza, José Antonio Gómez, indica a Nós Diario que no seu momento presentaron alegacións para que se incluíse esta cláusula para comprometer as empresas, aínda que, a día de hoxe, non recibiron contestación por parte do Goberno galego. En todo caso, agardarán até a reunión desta segunda feira para poder valorar esta cuestión. 

Un futuro de incerteza

Bouza non se atreve a avanzar o que pode acontecer unha vez se aproben estas axudas sen a cláusula. “Ao non ter este compromiso de mantemento de emprego é moito máis fácil que as empresas non o respecten”, asegura. Esta sindicalista  considera que “agora mesmo non é de recibo que haxa axustes de emprego, hai unha serie de medidas que se puxeron en marcha, como a renovación do ERTE, e as empresas deberían continuar mantendo o emprego”. 

Desde CCOO apelan á responsabilidade do sector empresarial e alertan de que denunciarán “aquelas empresas que se beneficien" desta circunstancia.

A distribución dos máis de 234 millóns de euros en axudas

As axudas que aprobará a Xunta e que recibirá a través do Goberno español, por un importe total de algo máis de 234 millóns de euros, varían segundo quen sexa a empresa destinataria. Para autónomas e autónomos que tributen por módulos sería de 3.000 euros e para o resto de empresas podería ir desde os 6.000 até 30.000 euros, segundo sexa a súa facturación. A axuda máxima total concedida non poderá superar os 200.000 euros.

Comentarios