Galiza é das rexións da UE con menor inserción laboral na FP

Mapa de Eurostat sobre a taxa de empregabilidade en Formación Profesional. (Infografía: Eurostat)
A Galiza é un dos territorios da Unión Europea onde as persoas tituladas en Formación Profesional presentan unha menor taxa de emprego, segundo se recolle no Anuario 2022 que publica a oficina de estatística da UE, Eurostat. Esa taxa fica por baixo de 57%, o único territorio do Estado español en que Eurostat detecta isto.

As taxas de emprego máis baixas para as persoas recentemente tituladas en Formación Profesional rexistráronse en xeral nas rexións do sur da Unión Europea. O Anuario 2022 de Eurostat constata tamén aquí unha fenda entre o centro e mais norte europeo a respecto do sur. 

"En 2021, había 19 rexións europeas nas que menos de 57,5% de todos os graduados atoparon traballo", indícase neste documento da UE.  Desas 19 rexións, 10 están en Italia, cinco en Grecia, dúas na Francia, unha en Romanía (Sud-Vest Oltenia) e outra no Estado español: a Galiza.

As taxas de emprego rexionais máis baixas de titulados rexistráronse en tres territorios italianos: Calabria (33,8%), Campania (31,8%) e Sicilia (27,1%). O extremo contrario é na Alemaña e Suecia, onde en varias das súas rexións "todas as persoas tituladas recentemente [en Formación Profesional] atoparon traballo".

O obxectivo: 82%

Unha recomendación do Consello de Europa sobre  a educación e formación profesional (EFP) estabeleceu un valor de referencia da Unión Europea para os titulados e tituladas  recentes de programas de FP. 

O obxectivo definido por Bruxelas en relación coas persoas de 20 a 34 anos que obtiveran un título de ensino secundario superior ou postsecundaria de FP é que a taxa de emprego desta faixa de poboación sexa no mínimo de 82% en 2025. Así, a Galiza tería apenas dous anos para chegar a ese 82% de taxa de emprego, partindo de que en 2021 non alcanzaba 57%.

Universidade

O estudo da situación dos egresados universitarios que fixo a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario da Galiza (Acsug) indica que 79,3% delas buscou emprego e, dentro deste grupo, 80,4% atopouno cando menos no período posterior de cinco anos. A mostra para o estudo foi de 5.163 titulados.

200 millóns de euros menos ao ano pola 'fuga de talentos'

A Galiza perde máis de 200 millóns de euros cada ano pola fuga de talentos. A saída migratoria da mocidade en busca de oportunidades laborais é un feito que continúa a marcar o presente e o futuro económico da Galiza. Un documento presentado polo Foro Económico da Galiza —Fuga de talento na Galiza. Mito ou realidade?— afonda nesta realidade. Realizouse a partir da información do capital humano de entre 18 e 44 anos cunha formación importante en estudos universitarios nas últimas décadas.

Segundo o informe, a partir dos supostos recollidos no traballo, a Galiza incorrería anualmente nun custo por formar tituladas e titulados que emigran fundamentalmente por cuestións laborais de, como mínimo, 178 millóns de euros ao ano. supondo que o alumnado terminase a súa formación en catro anos, cantidade que se amplía aos 311 millóns se a remataron en sete anos.

Ademais, este proceso migratorio suporía unha perda de nacementos anual de 1.500 nenos e nenas. Así mesmo, e sempre segundo este documento, deixaríanse de crear anualmente ao redor de 315 novas empresas.