VÍDEO NO INTERIOR

Profesorado galego volve saír á rúa para "recuperar" dereitos e mellorar o ensino público: "Menos ratio, máis docentes"

"Esta é a última chamada que facemos á posibilidade de chegar a un entendemento", advirte Suso Bermello, da CIG.
Multitudinaria participación na nova manifestación que hoxe percorreu as rúas de Santiago na defensa do ensino público e "pola recuperación dos dereitos" do profesorado. (Foto: Arxina)
photo_camera Multitudinaria participación na nova manifestación que hoxe percorreu as rúas de Santiago na defensa do ensino público e "pola recuperación dos dereitos" do profesorado. (Foto: Arxina)

Convocados polos sindicatos CIG, STEG e CSIF, con apoio da CUT, máis de 2.000 profesores e profesoras galegas volveron saír esta terza feira á rúa para reclamar a redución do horario lectivo a 18 horas en Secundaria e a 21 en Primaria, así como unha redución de ratios "asumíbeis", na segunda xornada de folga en protesta polo acordo asinado entre a Xunta e CCOO, ANPE e UXT.

O secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, sinalou que o seguimento da folga é similar á celebrada fai catro semanas, cando estimaron un 60%, con "unha lixeira tendencia á alza en Secundaria e á baixa en Primaria", onde se nota, dixo, "o efecto da división que provoca a división sindical". Con todo, quixo remarcar que os datos son "parciais", mentres a Xunta reduciu a cifra de seguimento a 9,37%. Para o representante da central nacionalista, "chama a atención" o feito de que a Comunidade de Madrid chegase a un preacordo cos sindicatos para recuperar o horario das 18 horas. "Chama a atención como un sector do PP que supostamente pasa por máis liberal e reaccionario pacte unha mellora substancial das condicións de traballo do profesorado madrileño e que aquí se nos negue", protestou.

Ademais, lamentou que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, "mirase para outro lado" ou "dirixise intencionadamente" un acordo "cuestionado polo profesorado". Así, dixo botar en falta que o responsábel autonómico "tome cartas no asunto" e cuestionou se o conselleiro "pode formar parte da solución ou se ten que botar ao carón por incapacidade manifesta".

"Esta é a última chamada que facemos á posibilidade de chegar a un entendemento, de que se nos convoque e podamos negociar eses elementos que levamos meses reclamando: a redución do horario lectivo a 18 en Secundaria e a 21 en Primaria e a redución das ratios asumíbeis", asegurou. Neste sentido, explicou que co acordo alcanzado entre Xunta e CC.OO., ANPE e UXT un alumno que estea escolarizado nunha aula de 3 anos, con 24 ou 25 alumnos, "en toda a súa vida académica non vai ver a redución de ratios". "Iso é o que se acaba de acordar", censurou.

Manifestación

Esta é a segunda xornada de folga, tras a primeira celebrada o pasado 24 de outubro, e enmárcase no calendario de protestas no que tamén houbo concentracións nas sete cidades galegas o martes 14 de novembro e unha manifestación o pasado 19 de novembro en Santiago de Compostela. Nesta ocasión, miles de manifestantes partiron da compostelá Praza de Cervantes pasadas as 12 horas portando pancartas entre as que se podía ler 'Menos ratio, máis docentes', 'O profesorado está farto' ou 'O profesorado non se vende'.

Entre cánticos como 'Rueda, escoita, ou profesorado está en loita' ou 'A Xunta da Galiza recorta e privatiza', a marcha continuou pola Rúa de San Roque até chegar a San Caetano, onde concluíu a manifestación coa lectura dun manifesto fronte á sede da Xunta. O secretario nacional de CIG-Ensino quixo reivindicar como "principal elemento positivo" destas mobilizacións que, "a pesar de haber un acordo dunha minoría sindical, que é un hándicap importante para unir ao profesorado na resposta a esta perda de dereito", hai unha "clara maioría do profesorado que non acepta ese pacto de renuncias". "Non estamos dispostos a aceptar e non nos vendemos", indicou.

"A pesar de ter un Goberno cunha maioría absoluta, afeito facer o que lle peta, a pesar de ter tres sindicatos que decidiron renunciar ao que prometían, a pesar diso, o profesorado está aquí, secunda unha folga, participa nas protestas e di alto e claro que é un colectivo que demanda respecto e dignidade", reivindicou Bermello. A preguntas dos medios sobre futuras protestas, Bermello insistiu en que isto é "o final dun ciclo de mobilizacións" e agora tócalles pensar "no escenario" en que se terán que mover. Así mesmo, recoñeceu que non será só opinión da CIG, senón que será cuestión das tres organizacións convocantes destas últimas protestas.

Reacción de CCOO

Pola súa parte, o sindicato CCOO, un dos que asinou o acordo coa Xunta, emitiu unha nota de prensa na que lembra que "calquera mobilización que non finalice na conquista de melloras, converte en inútil esta ferramenta". Nesta liña, expuxo que entre os anos 2010 e 2017 houbo "constantes manifestacións e folgas e sen acordos sindicais de ningún tipo", ademais de "un ano de recorte brutal, cinco de conxelación salarial e dúas máis de subidas mínimas do 1%".

Segundo Comisións Obreiras, a partir do ano 2018 "sucedéronse os acordos asinados por CCOO en Galicia e no Estado con gobernos de distinta cor", como consecuencia, indica, de "a presión e a mobilización realizadas, pero tamén grazas á capacidade para negociar cando chega o momento". Ademais, lamenta que se "están dando por bos certas mensaxes interesadas en mobilizar ao profesorado para unha folga que son literalmente bulos", indicando que o acordo é "un punto de partida" para novas negociacións.

O acordo

O acordo asinado o pasado 11 de outubro entre a Xunta e tres das catro organizacións da mesa sectorial (CCOO, ANPE e UXT)inclúe a redución de ratios a 20 alumnos por aula de forma paulatina desde 4º de Infantil (3 anos) a partir do curso 2024/25. Este proceso culminará no ano 2032/33 coa súa implantación en 6º de Primaria. Posponse a unha próxima negociación a mesma medida en ESO, Bacharelato e Formación Profesional.

En canto ao horario lectivo, o acordo reducirá de 25 a 23 as horas de clase á semana para partir do próximo curso en Infantil e Primaria, aínda que seguen sen ser inferiores ás que había antes de 2011. O documento asinado tamén recolle subidas nos sexenios e nos complementos por labores directivos e de tutorización, así como a elaboración dun plan de redución de cargas burocráticas dos profesores.

Comentarios