Persoal de Povisa concéntrase pola actualización do convenio colectivo após 11 anos "conxelado"

Concentración do persoal de Povisa para reclamar a actualización do convenio colectivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración do persoal de Povisa para reclamar a actualización do convenio colectivo. (Foto: Nós Diario)

Un grupo do persoal traballador do hospital Ribeira Povisa de Vigo concentrouse na mañá da quinta feira ás portas do centro médico para reclamar a actualización do convenio colectivo, xa que as profesionais denuncian que leva 11 anos "conxelado".

 Nun comunicado, o comité de empresa censura "os escasos avances nos temas importantes" que tiveron lugar desde que comezaron as negociacións, "no mes de xaneiro do ano pasado".

A concentración tivo lugar despois que  a dirección e o os representantes sindicais mantivesen unha xuntanza para abordar cuestións relativas á xornada laboral. O comité de empresa rexeitou a intención da dirección de manter unha xornada laboral "irregular" e "flexíbel".

A Confederación Intersindical Galega (CIG) informou de que as conversas continuarán de novo o vindeiro 16 de febreiro, pero esta vez coa convocatoria da mesa de negociación do convenio.

Peticións das traballadoras

O comité de empesa trasladou á dirección que os temas fundamentais nos que queren avanzar son a consecución dunha mellor xornada laboral e a promoción interna. Precisamente son estes os puntos no que o sindicato critica que se produciron "avances escasos".

As traballadoras lamentan que "o actual convenio leva conxelado 11 anos, polo que en todo este tempo non tiveron suba de soldos".

O CIG sinala que o incremento dos salarios non é o tema principal da negociación. A dirección propón un incremento nas nóminas de 1% en 2021, de 1,5% en 2022 e de 2% en 2023.

As traballadoras seguirán a reclamar a actualización do convenio colectivo. Polo de agora, xa teñen previsto levar a cabo unha marcha o vindeiro día 16, após da convocatoria da mesa de negociación, desde a Praza dos Cabalos até o complexo hospitalario de Povisa.

Comentarios