A porcentaxe de persoas no paro con estudos superiores sobe 24%

44.500 tituladas están no desemprego na Galiza.
Estudantes no campus da USC nunha imaxe de arquivo. (Foto: USC)
photo_camera Estudantes no campus da USC nunha imaxe de arquivo. (Foto: USC)

Na Galiza había no segundo trimestre deste ano 44.500 persoas no paro con estudos superiores, o que representa 31,9% do total de persoas no desemprego. Un colectivo que aumentou desde 2019, ano anterior á pandemia, en 8.700 persoas.

No segundo trimestre daquel exercicio eran 35.800 as persoas con titulación superior que se atopaban no desemprego. Daquela representaban 25% do total de parados e parados na Galiza, sete puntos menos que na actualidade.

O peso de persoas no paro con estudos superiores é, ademais, moito máis notábel na Galiza que no conxunto do Estado español: a porcentaxe de 31,9% de aquí contrasta coa media estatal de 24,4%, unha fenda de máis de sete puntos.

Tamén entre as persoas con estudos superiores no desemprego hai fenda de xénero. Ese 31,9% na Galiza non se reparte a partes iguais, pois o peso das mulleres é de 35,2% mentres que o dos homes fica en pouco máis de 28%.

Estas cifras, porén, e malia o empeoramento nestes tres anos, son notabelmente mellores que as de hai unha década, en 2012, cando en plena crise económica o número de persoas no paro con estudios superiores superaba as 75.000 na Galiza. Mais mantense como a mesma porcentaxe agora que daquela, 32%, sobre o total de desempregados.

"Fuga de cerebros"

Por outra parte, non só o paro é motivo de preocupación, pois a emigración da mocidade galega con estudios tamén é importante. Así o corrobora o estudo Emigración e fuga de cerebros na Galiza. 2001-2019, dos investigadores da Universidade Santiago de Compostela (USC) Jose Blanco e Manuel González, publicado este verán.

No caso da migración cara a fóra do Estado español, "a Galiza sería a comunidade con maior taxa" de fuga de persoas con alta cualificación. Con respecto á mobilidade dentro do Estado español, o estudo pon o énfase na crecente importancia do "efecto capitalidade" de Madrid.

Comentarios