Persoal de limpeza do Chuac concéntrase para exixir que se respecten os seus dereitos laborais e salariais

A CIG defende que as condicións dos traballadores e traballadoras da limpeza "deben estar equiparadas ás do persoal público do Sergas".
Protesta do persoal de limpeza do Hospital da Coruña esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta do persoal de limpeza do Hospital da Coruña esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

O persoal de limpeza do Hospital Universitario da Coruña (HUAC) vai concentrarse durante tres días desta semana diante da Xerencia para exixir que a empresa co servizo adxudicado, Acciona, respecte os seus dereitos laborais e salariais. A primeira mobilización foi esta cuarta feira, día 14, entre as 9.45 e as 10.45 horas, e repetiranse no mesmo horario na quinta e a sexta feira.

A CIG detallou a través dun comunicado que as condicións dos traballadores e traballadoras da limpeza "deben estar equiparadas ás do persoal público do Sergas" e que así ocorreu o pasado ano, cando "se acordaron melloras retributivas e unha redución da xornada anual" de todo o persoal dos servizos sanitarios. Con todo, a central sindical denuncia que estes acordos non se implantaron no hospital coruñés.

"Nun principio, as concesionarias negáronse a aplicar estas melloras pero despois de numerosas reunións co Sergas e da presión sindical conseguiuse arranxar esta cuestión na maioría dos servizos, menos na limpeza do CHUAC", sinalou a CIG.

Desde a central sindical galega apuntaron que xa existen unha serie de melloras de salarios e na xornada "recoñecidas" por sentenza e que Acciona "pretende absorber" os acordos co Sergas cos avances xa recoñecidos.

"A empresa está a roubarnos parte da suba salarial que nos corresponde e negándonos os días de redución da xornada anual aos que temos dereito, para así seguir engordando os seus beneficios", denunciou o comité.

Comentarios