VÍDEO | Persoal de CCOO denuncia o "silencio" de Unai Sordo ante el mesmo e a dirección do sindicato

"Levamos anos co covenio conxelado desde 2014, cun único incremento de 1,9% en 2019 a cambio de renunicar ao dereito de xubilación aos 65 anos", apunta Nieves Guantes.
Protesta do persoal de Comisións Obreiras diante do restaurante Os Carballos de Teo, onde decorre un encontro do que participan a dirección do sindicato na Galiza e o líder estatal, Unai Sordo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Protesta do persoal de Comisións Obreiras diante do restaurante Os Carballos de Teo, onde decorre un encontro do que participan a dirección do sindicato na Galiza e o líder estatal, Unai Sordo. (Foto: Europa Press)

Persoal traballador de Comisións Obreiras na Galiza, en folga indefinida desde esta semana para solicitar un novo convenio colectivo e melloras salariais, denunciaron o "silencio" do sindicato e do seu secretario xeral, Unai Sordo, que asistiu esta cuarta feira en Teo ás xornadas 'Galeuscat Sindical', no restaurante Os Carballos, onde se concentraron os empregados galegos.

A presidenta do comité intercentros de CCOO na Galiza, Nieves Guantes, lembrou que o persoal está en folga indefinida pola falta dun convenio colectivo. "Levamos anos co covenio paralizado, conxelado, desde 2014, cun único incremento de 1,9% en 2019 a cambio de renunicar ao dereito de xubilación aos 65 anos", censurou.

"Non temos máis beneficios sociais", continuou. "O sindicato di que temos moitos, pero os que temos están desde 2002 e xa foi por renunciar a incrementos económicos", explicou.

Tal e como relatou, empezaron a negociar en xaneiro de 2022 e en setembro racharon as negociacións porque, "por primeira vez, o sindicato negouse a sentar e mandou dúas compañeiras. De Recursos Humanos, si, pero compañeiras á fin e o cabo, negociando o seu propio convenio e sen ningunha posibilidade de moverse en nada, simples mandatarias".

Denuncian, así mesmo, non recibir aínda ningunha resposta ás súas demandas. Rememorou Nieves Guantes a este respecto que hai dúas semanas tiveron tres reunións, chamados polo Consello Galego de Relacións Laborais, ás que si acudiu a responsábel de organización do sindicato a nivel estatal.

"Alí tentamos romper un pouco o desbloqueo e baixáronse á metade as peticións, cando menos para que sentasen a negociar. Iso foi o día 12; o día 13, cando viron que tiñamos convocada unha folga, anularon a súa última oferta", comenta.

Considera a presidenta do comité que o que diferencia a problemática galega da do resto de territorios do Estado é "a tozudez". "Non imos dicir que noutros sitios non hai problemas, porque os hai, pero teñen convenios actualizados de 2020, 2021 ou 2022. O noso está desde 2014", argumentou.

Sinalou tamén que o sindicato conta con recursos económicos para facer fronte a estas melloras. "Parece ser que están a amortizar anticipadamente a débeda asumida de Forem (Formación), pagouse en man unha obra, o sindicato incrementou as cotas en 9,1%, as subvencións en 37% e as asesorías xurídicas están sobre 9 e pico por cento por riba, e en facturación, estamos 30% por riba da media estatal", afirma Guantes.

Por último, asegurou que os traballadores e traballadoras van "a por todas", e lamentou non recibir resposta tampouco por parte do secretario xeral do sindicato, Unai Sordo, a quen enviaron dous correos electrónicos e do que recibiron "a calada por resposta", tanto do propio Sordo "como da Executiva".

Comentarios