23-X

Formoso reivindica a continuidade de Alcoa na Mariña como logro do Goberno español fronte á "pasividade" da Xunta

"O goberno de Pedro Sánchez cumpre e Feixoo incumpre coa Mariña", afirma o número un do PSOE ao Congreso por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro.
Pedro Branco, Valentín González Formoso e José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pedro Branco, Valentín González Formoso e José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou esta cuarta feira a xestión do Goberno de España, que "garantiu a continuidade" da planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo) fronte á "pasividade" da Xunta. Así o manifestou tras un encontro co comité de empresa da factoría xunto cos integrantes da candidatura socialista por Lugo, encabezada por José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario de Emprego do PSdeG e delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco.

No encontro, o responsábel do PSOE galego sinalou que o mantemento de planta grazas ao acordo a tres bandas entre goberno, traballadores e empresa constitúe un "modelo de como xestionar unha crise" que se impuxo "á campaña da Consellaría de Industria en contra" deste pacto para investir 180 millóns de euros e reactivar a planta en 2024.

"Foron os traballadores e traballadoras da planta, da man do Goberno de España, os que decidiron apostar polo futuro da Mariña e polo futuro industrial da Galiza", reinventando o complexo cun investimento para modernizar a planta e garantir a súa continuidade nas próximas décadas, sinalou. O xefe de filas do PSdeG destacou que o acordo a tres bandas concluíu dunha forma "que o PP non sabe conxugar, que é a concertación social" e o acordo entre todas as partes.

Así, contrastou a "aposta pola continuidade dos postos de traballo e o talento da mocidade" coa "falta de xestión da Xunta", responsábel dun sector industrial que "adoece" e que segundo o Consello Económico e Social supuxo a perda de 80.000 postos de traballo nos últimos 10 anos.

"Tripla traizón" á Mariña

Pola súa parte, o cabeza de lista dos socialistas pola circunscrición de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, destacou o "compromiso de Pedro Sánchez" co futuro dunha factoría que move até 30% da economía da provincia e que forma parte da que sinalou como "tripla traizón" do PP á comarca da Mariña.

Salientou, neste senso, que a "falta de apoio" do Goberno de Feixoo para buscar o futuro de Alcoa, ao que responderon co "reclamo" da planta de Altri que finalmente proxectaron fóra da comarca e co fechamento de Vestas, onde a Xunta "non fixo absolutamente nada e mirou para outro lado".

Besteiro explicou que a comarca da Mariña é a mostra dos "déficits da política de Feixoo" na súa etapa como presidente da Xunta, que contrastan coa "implicación do goberno de Pedro Sánchez". "O goberno de Pedro Sánchez cumpre e Feixoo incumpre coa Mariña", resumiu.

Comentarios