Persoal de Alcoa prepara "accións espectaculares"

As mobilizacións do persoal de Alcoa en contra do feche da empresa de aluminio en San Cibrao, Cervo, continúan con contundencia. O persoal das auxiliares mantivo onte unha asemblea e anuncia que se suma ás accións que se realicen en coordinación co comité de empresa até que se lles dea unha solución.
Participantes protexidos con máscaras durante a manifestación do comité de empresa de Alcoa entre a factoría e a localidade de San Cibrao (Carlos Castro/ Europa Press)
photo_camera Participantes protexidos con máscaras durante a manifestación do comité de empresa de Alcoa entre a factoría e a localidade de San Cibrao (Carlos Castro/ Europa Press)

O persoal da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao, Cervo, saíu esta pasada terza feira á rúa para protestar polo feche anunciado pola empresa. Percorreron as rúas de Cervo en manifestación para, logo, rematar nas propias instalacións da empresa onde realizaron unha barricada coa queima de pneumáticos na súa entrada.

"Nós temos as ideas moi claras", asegura José Antonio Zan,  presidente do comité de empresa de Alcoa a Nós Diario, "faremos poucas mobilizacións, mais serán espectaculares". Adianta que teñen que dar visibilización á situación. "Pensamos en auténticos chamamentos para que se solucione o problema por parte do Goberno". 

As auxiliares coordínanse para participar 

A Plataforma coordinadora das auxiliares de Alcoa mantivo onte pola tarde unha asemblea de traballadoras e traballadores para analizar a crise derivada do anuncio da multinacional de deixar a produción de aluminio na fábrica de San Cibrao, avaliar o verdadeiro impacto que esta medida ten sobre o emprego nas contratas e acordar as propostas propias da mobilización e organización deste colectivo.

O seu voceiro, Kike Rocha, explica a Nós Diario que manteñen un estreito contacto co comité de empresa desde o anuncio do feche da factoría. "Estivemos delegadas e delegados de todas as auxiliares, nós temos moito máis complicado vernos con asiduidade", relata. Unha das principais ideas da xuntanza é "presentar propostas e traballar conxuntamente". Asegura que as accións "pénsanse no día a día" e "por razóns obvias son secretas".  

O alcalde de Cervo anima á “loita” na Mariña

Alfonso Villares, alcalde de Cervo, en declaracións a Europa Press entende que este é un momento "de preocupación" para toda a comarca da Mariña. Lembra que a factoría de Alcoa "leva 40 anos funcionando e é máis que entendíbel a situación que se está vivindo en canto a mobilizacións".

Por este motivo defende "o civismo do persoal traballador e as súas familias" nas protestas dos últimos días polo anuncio do feche. Villares propón unha solución "moi fácil e básica" que consistiría nunha "tarifa eléctrica que sexa competitiva". En todo caso, o rexedor local afirma que toda A Mariña "debe seguir na loita" até que haxa solucións.

Comentarios