CCOO, CIG e UXT piden nacionalizar Alcoa

Os traballadores e traballadoras de Alcoa non dan nada por perdido e prepáranse para unha batalla sen cuartel. A un tempo, defenden o seu posto de traballo e o progreso dunha zona altamente dependente da produción de aluminio, que representa máis de 30% do Produto Interior Bruto (PIB) de Lugo. 
 
Asemblea de traballadoras 
ás portas da factoría de Alcoa.
photo_camera Asemblea de traballadoras ás portas da factoría de Alcoa.

Os chamados do comité de empresa de Alcoa e das organizacións sindicais non deixaban dúbida. A de onte foi unha xornada intensa. A representación social anunciaba unha reunión da súa comisión permanente para a primeira hora da mañá, a convocatoria de tres asembleas conforme as quendas de traballo e a elaboración dun calendario de mobilizacións. Á vez, a sección sindical da Confederación Intersindical Galega (CIG) afirmaba: “Veñen momentos moi duros de loita, no que o persoal de Alcoa e auxiliares, comité e sindicatos, todos xuntos, debemos defender o pan dos nosos fillos con uñas e dentes”.

As declaracións da Plataforma coordinadora das empresas auxiliares de Alcoa apuntaban na mesma dirección. O colectivo, que agrupa a representación sindical dos máis de 500 operarios das diferentes contratas que traballan para Alcoa, solicitaban ao comité de empresa da matriz “unha loita en común”, como “única vía posíbel para lograr unha solución para isto”. A alternativa deste colectivo tampouco ofrecía dúbidas e apostaba pola “nacionalización” como única opción viábel, “vendo a situación da Coruña e Avilés, con dous fondos investidores que non melloran a situación, senón que a agravan, a loita pasa por reclamar a intervención”.

Os traballadores das empresas auxiliares foron os primeiros en padecer as consecuencias dos recortes á produción aplicadas en Alcoa. Así, por exemplo, Reymogasa, unha das contratas históricas da alumineira pasou nun ano de 140 a 40 traballadores, tras aprobar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) para 33 empregados hai dúas semanas. Segundo anunciou a dirección Alcoa, o desmantelamento das tres fases da planta de aluminio vai provocar a perda de 150 empregos nas contratas, cifra que consideran curta desde a Plataforma coordinadora das empresas auxiliares de Alcoa.

O número de despedimentos nas empresas auxiliares de Alcoa vai roldar as 300 persoas. Segundo poñen de manifesto desde a representación sindical, Cotelsa, Reymogasa, Rodabell S.A., Montaxes Rodabell, Industrias Xove, Noguera, Jofrasa, Mayco, Tecresa e Pasek teñen a totalidade dos seus contratos de traballo na planta de aluminio, o que aboca todas estas sociedades ao feche. Porén, a maioría das auxiliares partillan carga de traballo nas factorías de aluminio e de alumina, polo que o impacto vai afectar o tecido articulado arredor do complexo de San Cibrao (Cervo), cuxa presenza na zona é anterior á chegada de Alcoa e nalgúns casos remóntase á época da construción da factoría.

Comezan as protestas

Os traballadores cortaron onte con barricadas de pneumáticos ardendo as estradas de acceso a Alcoa, coincidindo coa entrada da quenda da mañá. A acción de protesta, a primeira convocada desde que a dirección da multinacional fixo pública a súa intención de despedir máis de 800 persoas, collía por sorpresa moitos operarios que nese momento se dirixían a iniciar a súa xornada laboral, provocando grandes caravanas de coches. Segundo sinalaron a Nós Diario algúns dos organizadores, “a medida pretende deixar claro desde un principio á empresa, ao Goberno galego e ao Goberno estatal que estamos dispostos a chegar até o final porque cando os pneumáticos arden na estrada da fábrica é que algo moi gordo se prepara na Mariña”.

A xuntanza da comisión permanente do comité de empresa da multinacional non deparou grandes sorpresas. O organismo de representación sindical acordou por unanimidade instar as formacións políticas a solicitar do Goberno estatal a intervención da factoría, así como a súa nacionalización. “Pensamos que é o momento de que Alcoa volva ao sector público de onde nunca debeu saír e vémonos con forza para conseguilo. A empresa está máis débil do que semella e é posíbel reverter a situación ”, indicaron a Nós Diario desde a representación social.

“O ambiente na fábrica non é de derrota, senón todo o contrario, como demostra a masiva resposta ás tres asembleas de traballadores que organizamos, coincidindo cos horarios das quendas, así como a vontade da xente por mobilizarse”, destacan fontes sindicais, que anuncian contundentes accións de protesta a realizar nos vindeiros días. “Queremos que sexan grandes mobilizacións, cunha importante participación social, respectando as condicións do estado de alarma, cumprindo todas as garantías e que teñan un carácter permanente a partir de agora. Alcoa sálvase loitando e as nosas reivindicacións van chegar onde faga falla”, salientan os traballadores.

“É o momento de ir todos xuntos da man, sindicatos, formacións políticas e concellos”, continúan, ao tempo que denuncian que “o Goberno estatal e a Xunta non se teñen posto en contacto con nós”.

Comentarios