Na Galiza hai cada día 20 novas familias con todos os membros no paro

Os fogares sen ningún integrante con emprego aumentan 2%.
Oficina de emprego, paro foto de arxina
photo_camera Oficina de emprego de Compostela. (Foto: Arxina)

Na Galiza hai 52.500 familias con todos os seus membros activos no desemprego, o que supón 1.800 máis que no primeiro trimestre, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Un aumento, logo, de 2% nas familias galegas sen ninguén dos seus integrantes con emprego. De media, na Galiza cada día 20 fogares entran nesa categoría de "todos os seus membros activos no paro".

Hai unha mellora a respecto de 2021, pois hai agora 5.000 fogares menos que daquela, na saída da pandemia da Covid-19, nesa situación.

Porén, a crise actual fai que as previsións na Galiza e no Estado non sexan optimistas á hora de agardar unha mellora do escenario laboral nos vindeiros meses. 

Fin de mes

Os fogares galegos que teñen dificultades para chegar a fin de mes mantéñense por riba de 50% neste ano. A cifra dos que teñen dificultades ou moitas dificultades é de 51%, de modo que os que din chegar con facilidade ascenden na actualidade até 49%. Con todo, entre os que contan con moitas dificultades hai unha alza até o 6,72%.

O aumento de familias con todos os activos no desemprego súmase a outros datos que tamén apuntan  á preocupante perda de poboación activa na Galiza, c0mo o de que case un de cada tres fogares galegos (30%) teñen nas prestacións —desemprego, pensións...— a súa única vía de ingresos. Son por volta de 330.000. 

Fenda que alarga

Unha situación á que se suma a fenda comarcal na Galiza en canto a ingresos. Segundo o IGE, a veciñanza da comarca que rexistra mellores cifras na renda por habitante (A Coruña, 18.319 euros) duplica os ingresos d que ten peores números (A Paradanta, 9.046).

Comentarios