"Irregularidades" nunhas oposicións na Lama: "Non entendo que un candidato do PP queira a miña praza"

Preguntas "absurdas" e alleas ás rutinas dunha auxiliar de biblioteca, un tribunal "afín" a un dos aspirantes —o de maior nota—... A traballadora que denunciou "irregularidades" nun proceso de estabilización de emprego temporal no concello da Lama, do que saíu beneficiado o candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ponte Caldelas, conversa con 'Nós Diario' como foi o procedemento, que estuda impugnar pola vía xudicial. "Que xente con estudos aprobe e saque máis nota ca min véxoo perfectamente lóxico, mais non que sexa unha persoa sen idea disto, que se dedica á política e que está ao servizo do PP", censura Cristina Villaverde.
Cristina Villaverde, a prexudicada no proceso de oposicións decorrido na Lama. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Cristina Villaverde, a prexudicada no proceso de oposicións decorrido na Lama. (Foto: Nós Diario)

Cristina Villaverde, de 62 anos, leva máis de 23 traballando na Biblioteca da Lama (comarca de Pontevedra); desde 2002, como persoal laboral. A condición de "indefinida", porén, non lla recoñeceron desde o Concello "até unha sentenza de 2021". Unha sentenza que non chegou a garantirlle o posto, pois nese momento, pouco antes de recibila e a falta de só cinco días para a entrada en vigor da coñecida como 'Lei Iceta' —o 28 de decembro de 2021—, destinada a atallar a temporalidade no sector público, o Boletín Oficial da Provincia recollía unha convocatoria para cubrir unha praza de Auxiliar de Biblioteca na Lama. A súa praza.

Esta convocatoria, cuxo exame decorreu o 10 de abril e ao que ela decidiu asistir, forma parte do proceso de estabilización de emprego temporal executado polo Goberno local, mais, a diferenza dos procesos de asignación doutras prazas vacantes como —o pasado día 20— a de Auxiliar administrativo no Xulgado de Paz, o tribunal que examinou Cristina Villaverde non estaba composto por persoal do propio municipio, senón por unha maioría de traballadores de concellos veciños "nos que goberna o Partido Popular", salienta a bibliotecaria, que detectou "irregularidades" desde o primeiro momento, en conversa con Nós Diario.

Así, o tribunal conformábano catro persoas en nómina de Soutomaior, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade (2) e, finalmente, polo director da Oficina de Emprego de Pontevedra e Bisbarra. Ningún da Lama. Villaverde saca a colación este feito salientando que o aspirante que maior nota obtivo na primeira proba —exame teórico— do proceso foi Antón Xil, responsábel de prensa no Concello da Lama e candidato á Alcaldía de Ponte Caldelas polo PP e quen actualmente, destaca tamén a opositora, "ten unha relación contractual cos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade", é dicir, os que eran maioría no tribunal, presidido por un dos traballadores de Cerdedo.

"Cando vin a composición do tribunal xa presentei un recurso de alzada, porque non estaba en absoluto de acordo. Un aspirante que traballa para dous concellos dos que son a maioría do tribunal...". Mais a composición dese xurado non mudou e Cristina Villaverde asistiu ao exame, ao que se presentaron só seis candidatas e candidatos.

Catro suspenderon e só dous aprobaron esta primeira fase: ela (cunha nota de 5,6) e mais Antón Xil (7,2). "El non é bibliotecario, non ten nada que ver co mundo das bibliotecas nin coa xestión dun auxiliar administrativo. Pero quedou en primeiro lugar, bastante máis adiantado que o resto", afirma. Xa o propio día do exame, relata, había cuestións que a sorprendían: "Dixeron que non podiamos levar á casa unha plantilla coas nosas respostas, malia que legalmente non o poden prohibir" —o Defensor do Pobo tense pronunciado a este respecto—.

A proba, asegura, contiña "moitas preguntas absurdas" ou que pouca relación gardaban coas rutinas diarias dunha auxiliar de biblioteca. "Só catro de 25", sinala. O exame —consultado por Nós Diario— preguntaba cuestións como "cando foi presentada a primeira versión de Microsoft Windows, 1.0" —novembro de 1985—, tres preguntas referidas ao funcionamento interno do Parlamento da Galiza ou varias sobre o Estatuto galego e a Constitución española.

"É algo sorprendente, que haxa tantas preguntas sobre leis e poucas sobre bibliotecas. Non é o exame habitual [para esta categoría profesional]. Non tiñan que ver coas bibliotecas; si con parte do temario... Pero non entendo que metan seis preguntas do Estatuto neste exame", resolve Villaverde. De feito, outras oposicións recentes decorridas para o mesmo posto nos concellos de Baiona ou Vila de Cruces conteñen preguntas máis orientadas ao desenvolvemento do labor profesional como auxiliar de biblioteca, na liña oposta ao criterio seguido na Lama.

Cando viu os resultados publicados, ela xa esperaba algo semellante: "Deume a risa. Xa cando saín [da sala do exame] dixera, 'suspendemos todos menos el'". "Que xente con estudos aprobe e saque máis nota ca min véxoo perfectamente lóxico, mais non que sexa unha persoa sen idea disto, que se dedica á política e que está ao servizo do PP", censura a aspirante, e cuestiona: "Asómbrame que un candidato do PP estea interesado na miña praza, que é o último do último...".

Após denunciar os feitos —que non descarta elevar a instancias xudiciais, cuestión que está a valorar co seu avogado—, recibiu numerosas mostras de apoio por parte da veciñanza, e mesmo desde México e Brasil, onde estivera anos atrás traballando coa revista cultural da Lama. "Agradezo todo o apoio recibido", di.

O vindeiro 2 de maio decorrerá a segunda proba, práctica, no marco desta convocatoria. "Non sei que vai pasar", afirma, e conclúe cunha pequena reflexión: "Nunca antes estivera metida nunha situación así, eu dediqueime simplemente a traballar toda a miña vida. Non me parece xusto".

Resposta do Concello

O Concello da Lama defendeu a limpeza do proceso para a a cobertura desta praza de auxiliar bibliotecario. O Goberno local que encabeza o rexedor Jorge Canda emitiu un comunicado para saír ao paso das acusacións lanzadas polo sindicato CXT e a traballadora Cristina Villaverde.

Na nota de prensa, o concello rebate o argumento esgrimido polos denunciantes que afirman que o proceso foi convocado a cinco días da entrada en vigor da Lei de Interinos de 2021. Segundo o consistorio da Lama, a oferta foi publicada en marzo de 2019 polo que, aínda que as probas levaron a cabo a mediados de xaneiro de 2022, están rexidas pola lexislación vixente no momento da convocatoria.

Comentarios