Un operario sofre unha descarga eléctrica cando traballaba na vía férrea en Redondela

Os sanitarios practicáronlle a RCP con éxito, aínda que foi trasladado igualmente ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo en estado moi grave.
Estación de tren de Redondela. (Foto: Google)
photo_camera Estación de tren de Redondela. (Foto: Google)

Un operario, L.L.M., de 24 anos de idade, resultou ferido moi grave tras sufrir unha descarga eléctrica na madrugada desta quinta feira, mentres traballaba na vía férrea perto da estación de Redondela (comarca de Vigo). Segundo informou a central de emerxencias do 112-Galiza, o suceso ocorreu sobre as 3.30 horas e foi un compañeiro do home o que deu a voz de alarma.

Até a zona desprazáronse efectivos da Policía Local e Nacional, así como persoal sanitario do 061. Posteriormente, foron activados tamén os Bombeiros de Porriño, dado que o operario caera desde a plataforma na que traballaba, a un oito metros de altura, sobre a vía.

Os sanitarios practicáronlle a RCP con éxito, aínda que foi trasladado igualmente ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo en estado moi grave. Polo momento descoñécese se a descarga foi consecuencia da manipulación da catenaria ou por outro tipo de elemento da circulación ferroviaria.

En canto ao servizo de trens, o persoal de Adif lembrou ao 112 que a zona na que se produciu o accidente é de dobre vía, polo que, aínda que unha permaneza cortada, os convois avanzarán pola outra.

Este suceso provocou atrasos nos trens de primeira hora, afectando dous servizos en 15 e 37 minutos, respectivamente. Por outra parte, Renfe confirmou que o AVE Avril con destino a Madrid, que partía sobre as 9.30 horas, si saíu puntual, tras os problemas dos últimos días.

Comentarios