Un milleiro de persoas marcha polas rúas de Lugo no undécimo día de paro do transporte

Esta nova xornada de protestas deixou retencións nos accesos a Compostela e nas inmediacións de Vigo.
Centos de persoas marcharon polas rúas de Lugo esta quinta feira (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Centos de persoas marcharon polas rúas de Lugo esta quinta feira (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Arredor de 1.000 persoas participaron nunha marcha a pé entre o polígono das Gándaras e o centro de Lugo no undécimo día de paro no transporte, que volveu deixar retencións nos accesos a Compostela e as inmediacións da cidade de Vigo polas protestas de transportistas, agricultores, gandeiros e outros colectivos que se foron sumando ás mobilizacións.

Escoltados por tres furgóns da Unidade de Intervención Policial (UIP) e axentes da Policía Local, as persoas manifestantes percorreron a distancia que separa o polígono industrial da sede da Subdelegación do Goberno estatal en Lugo. Ao berro de "ministra, dimisión" e con varias pancartas contra a responsábel de Transportes, Raquel Sánchez, e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a marcha transcorreu por Santo Domingo, rúa da Raíña e Praza Maior até chegar a Armanyá.

En declaracións aos medios, o presidente da Asociación Empresarial de Transporte Río Miño (AETRAM) —unha das asociacións convocantes—, Diego Arias, enxalzou o poder de convocatoria da protesta, que se produce dous días despois da marcha de vehículos que colapsou o centro da cidade. "A ver se a ministra se decata dunha vez de que non somos unha minoría", aseverou o transportista, que lamentou que o Goberno siga sen recoñecer como interlocutora á Plataforma de Transporte e se cinga a negociar co Comité Nacional do Transporte, co que sentan esta quinta feira.

"Somos 85% do transporte e realmente somos os que estamos na estrada todos os días. A ministra ten que negociar connosco, que somos quen realmente fai o transporte neste país", reivindicou. Arias estimou que o sector ten unhas perdas "de entre 3.000 e 4.000 euros por vehículo ao mes". "A ministra ofrecía o outro día 500 millóns a 250.000 empresas do transporte que hai no Estado español, co que tocariamos a 2.000 euros ao ano; 160 euros ao mes. Iso non nos chega a nada", aseverou.

"Mentres non nos reciba [Raquel Sánchez], non imos ceder. Ten que negociar connosco, non pode estar a negociar en Madrid con quen non son transportistas", exixiu finalmente o presidente de Aetram.

Novas retencións en Compostela

En Compostela houbo retencións a primeira hora da mañá no polígono do Tambre e o cruceiro da Coruña, provocadas por vehículos agrícolas que retardaron o tráfico no acceso norte da cidade. Pasadas as 10 horas, os tractores despexaron estas vías para dirixirse ao polígono da Sionlla, onde volveron concentrarse camións, tráileres e outro tipo de vehículos coa previsión de saíren outra vez en lenta marcha cara á cidade.

Do parque industrial, pasadas as 12 horas, regresaron ás estradas cun percorrido similar ao da pasada cuarta feira. A lenta caravana entrou no polígono do Tambre para seguir en dirección ao Cruceiro da Coruña. O roteiro continúa por San Caetano, Rodríguez de Viguri, Avenida de Lugo e Rúa do Hórreo.

Nesta ocasión, os manifestantes poderían dirixirse a Romero Donallo, avenida lindeira ao Ensanche e unha das máis transitadas da cidade. Trátase do segundo día consecutivo e o terceiro desta semana no que os vehículos profesionais taponan a circulación nas rúas da capital galega.

Caravana entre Tui e Vigo

En Vigo, esta quinta feira de novo chegou unha 'caravana' lenta procedente de Tui, cun centenar de camións que percorreron a A-55 e entraron na cidade ao mediodía pola Avenida de Madrid.

Do mesmo modo que na última protesta, a da pasadasegunda feira, os vehículos chegaron á altura da estación de autobuses e deron volta para retornaren á autovía. Fontes da subdelegación do Goberno en Pontevedra confirmaron que non se rexistraron incidentes durante a protesta.

Comentarios