As cervexas de Estrella Galicia soben ao tren

Estrella Galicia prepara un convoi na Coruña e Coren aumenta os envíos.
Caixas de Estrella Galicia, onte, á espera de ser cargadas no tren na estación coruñesa de mercadorías de San Diego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Caixas de Estrella Galicia, onte, á espera de ser cargadas no tren na estación coruñesa de mercadorías de San Diego (Foto: Nós Diario).

Após dez días de paros dos transportistas, as empresas galegas argallan novas fórmulas para obter os insumos que precisan ou dar saída á súa produción. Fronte á alternativa de parar, algunhas das grandes firmas do país están a mirar cara ao tren como medio para transportar as súas mercadorías.

Segundo puido saber Nós Diario a través de fontes do sector, unha destas empresas é Hijos de Rivera, fabricante, entre outras bebidas, da cervexa Estrella Galicia. A firma coruñesa está a preparar  un convoi de 11 vagóns  na estación de mercadorías de San Diego para distribuír os seus produtos polo Estado español e xa avanzou a posibilidade de sumar novas encargas.

Até o de agora, o transporte de mercadorías por ferrocarril era unha opción que a compañía cervexeira ─que declinou facer declaracións a este xornal ao respecto─ non explorara. Con este envío, ábrense, pois, novas oportunidades, tanto para o propio grupo Hijos de Rivera ─que ademais ten unha vía de tren que pasa ao pé da súa fábrica coruñesa da Agrela─ como para a propia terminal ferroviaria de San Diego.

Esta terminal move habitualmente tráficos como a madeira de eucalipto (con destino á factoría de Navigator en Portugal), bioetanol, cemento, pensos e cereais. As tres primeiras están agora paradas pola folga do transporte ─o cemento leva xa dúas semanas á espera de descarga─, mentres que os pensos e os cereais experimentan un notábel incremento da demanda.

Cereal para Coren

Parte do cereal que chega ao porto da Coruña trasládase por tren cara a outros territorios, mais o principal destino é a fábrica que Coren ten en Bonxe (Outeiro de Rei), que o emprega para a alimentación dos animais. Como explican estas fontes, a cooperativa alimentaria normalmente fai un envío á semana, nas cuartas feiras. Porén, solicitou transportes excepcionais na segunda e na sexta feira desta semana e tamén para a segunda feira da semana que vén para sortear o impacto dos paros no transporte por estrada.

Con todo, fontes de Renfe sinalan que se trata de tráficos "puntuais" cuxa continuidade no tempo non está garantida.

Reunión cos transportistas

Todo vai depender do que aconteza coa folga dos transportistas e coa nova reunión que manterá o Goberno español co sector no día de hoxe ─unha xornada antes da data inicialmente prevista─ na que tratarán de definir un paquete de medidas que consiga paliar o impacto do prezo dos carburantes na súa actividade.

A pasada segunda feira xa se avanzaron varias medidas, como a dos 500 millóns en bonificacións fiscais ao gasóleo profesional, que se concretará nesta nova xuntanza.

A este respecto, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, asegurou que hoxe haberá acordo "definitivo e adaptado ás necesidades do sector" cos transportistas. "Estou convencido de que chegaremos a un acordo, porque temos a vontade, entendemos as súas demandas e faremos todo o que estea nas nosas mans para que mañá ─por hoxe─ se alcance un acordo. Imos sentar e non nos imos levantar até que o logremos", afirmou o líder do Executivo.

Comentarios